Sol Agra celebra a cultura de transmisión oral feita por mulleres na presentación, onte en Vimianzo, do "Cancioneiro Galego Serodio", de Xabier Díaz
Sol Agra presentou onte na Casa da Cultura de Vimianzo o "Cancioneiro Galego Serodio (1989-2012)", de Xabier Díaz, unha das citas da programación da Deputación da Coruña polo Día das Letras Galegas 2025. Acompañárona o músico e autor da escolma e mais a alcaldesa da capital da Terra de Soneira, Mónica Rodríguez.
O volume, que reúne 600 coplas, das máis de 1500 recollidas nun fondo que constitúe case o corpus lírico de Galicia, repartirase polas bibliotecas de toda a provincia, segundo explicou a deputada do BNG, quen debullou tamén as propostas programadas polos departamentos de Lingua e Cultura da Deputación para celebrar este ano as Letras Galegas: «Achegaremos á maioría dos concellos do territorio coruñés concertos, contacontos musicados nos centros educativos, teatro, un documental e un manual de xestión de boas prácticas da música de tradición oral, entre outras actividades».
«Esta edición do Día das Letras Galegas é especial: nas 63 edicións que levamos só foran homenaxeadas seis mulleres, pero este ano subimos a doce de vez», dixo a Agra en referencia ás seis cantareiras que representan o recoñecemento da Real Academia Galega á poesía popular oral: Adolfina e Rosa Casás Rama (de Cerceda), Eva Castiñeira Santos (Muxía) e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).
«Estas mulleres, en moitos casos case analfabetas», continuou a titular de Lingua, «gardaron na súa memoria as coplas que lles cantaban as súas predecesoras, compoñían elas mesmas, con letra e música, e transmitíanas tamén oralmente, sen ter seguramente conciencia do seu valor: que eran salvagarda da nosa cultura e da identidade nacional galega». «En cada cantar», engadiu, «recolleron costumes, anceios, coñecementos, retranca, traballos, escaparon á censura, forxaron esperanzas, ilusións e loitas e así chegaron ós nosos días».
A deputada louvou tamén o traballo de Xabier Díaz: «Grazas a Xabier e a moitas outras persoas e agrupacións de música tradicional ó longo e ó ancho deste noso país, mesmo algunhas musicólogas e musicólogos de fóra, coma Dorothé Suchubarth ou Alan Lomas, podemos ter hoxe libros coma estes, onde pasamos por fin ó papel todas esas recolleitas das nosas portadoras para que teñan vida para sempre».
Para Agra, «as pandereteiras, que aceptaron entregar, sen agardar nada a cambio, os seus cantares, minusvalorandoos e minusvalorándose, eran as que sostiñan as foliadas cando remataban os gaiteiros, aos que todos tiñan por protagonistas e os que ían contratados cobrando». «Pero», lamentou, «elas nunca foran recoñecidas, nin elas mesmas se deron nunca o mérito que grazas a persoas como Xabier entendemos que teñen».
Rematou Agra a súa intervención gabando a labor de Díaz: «Agradezo moito este traballo teu, todo o que nos deches até agora, o teu esforzo de anos de recollidas polas aldeas, a posta en valor das portadoras, a transmisión nos teus concertos e agora este libro».