Cristina García e Natividade González reuníronse con Ana Mosteiro para estudar vías de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Melide

Mosteiro conversa con González, García e un dos técnicos de deporte municipal no pavillón de Melide
Mosteiro conversa con González e García durante a visita ao pavillón de Melide
Concelleira e deputadas visitaron as principais infraestruturas culturais e deportivas do municipio e falaron das liñas de axuda que podería achegar a institución provincial ao Concello 
Cristina García e Natividade González reuníronse con Ana Mosteiro para estudar vías de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Melide

As deputadas provinciais Cristina García e Natividade González, acompañadas de Ana Mosteiro, edila do BNG no Concello de Melide con responsabilidade nas áreas de cultura, deportes e lingua, visitaron as principais infraestruturas culturais e deportivas do municipio para coñecer de primeira man o seu estado. As deputadas comprometéronse a analizar no seo do goberno da Deptuación as demandas trasladadas pola concelleira e posíbeis solucións para a mellora das instalacións.

García, González e Mosteiro achegáronse ao pavillón polideportivo, á piscina climatizada e a Casa da Cultura e puideron comprobar as graves deficiencias que presentan; momeadamente a piscina municipal, pechada desde hai máis de seis anos e que precisa dunha reforma integral. Trátase dun proxecto de grande envergadura, que require un investimento considerable e que leva anos paralizado.

A recuperación e mellora desas instalacións resulta fundamental para que o Concello de Melide, tanto desde o punto de vista deportivo coma do cultural, poida garantir servizos públicos de calidade para toda a veciñanza. Supón, ademais, unha oportunidade para dinamizar a vida social e comunitaria, favorecer hábitos de vida saudábeis e mellorar o acceso á cultura e ao deporte, especialmente entre a mocidade e as persoas maiores.

Con esta visita, a Deputación da Coruña dá un primeiro paso para retomar un proxecto estratéxico e necesario. As deputadas comprometéronse a trasladar estas demandas nunha xuntanza do grupo de goberno da Deputación da Coruña e a estudar, en coordinación cos servizos técnicos e co Concello, as distintas vías de colaboración que fagan viábel esta actuación, entre outras.

Mosteiro agradeceu a dispoñibilidade de colaboración e trasladou a importancia da «cooperación institucional como clave para desbloquear unha situación que está enquistada e poder avanzar cara a solucións reais».

A concelleiro valorou a visita e o traballo que se fai desde o goberno da Deputación: «O apoio da Deputación aos concellos en actuacións deste tipo é unha aposta polo reequilibrio territorial e pola mellora das condicións de vida no rural», salientou.

Cristina García e Natividade González reuníronse con Ana Mosteiro para estudar vías de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Melide