A DEPUTACIÓN DESTINA 100 000 EUROS PARA A CESIÓN DE TRES EMBARCACIÓNS ELÉCTRICAS AOS XEODESTINOS
Xosé Regueira: "Na provincia da Coruña, con ríos e lagoas dun gran potencial, precisabamos un proxecto deste tipo de aproveitamento dos recursos fluviais, claramente sustentábel"
A nova liña de axudas que sae a convocatoria inclúe a posta en marcha dun programa piloto de ecoturismo náutico. Cada un dos entes de xestión dos seis xeodestinos poderá optar á concesión dun só barco. “Trátase de ir vendo como se pode deseñar e estruturar un produto fluvial que teña rendibilidade e retorno no territorio, tanto a nivel de emprego como de economía e mesmo de ocio para a poboación residente”, explicou o vicepresidente provincial.
A Deputación da Coruña, dentro das súas liñas de mellora da calidade e da competitividade turística, vén de abrir a convocatoria dunha axuda para a cesión de tres embarcacións eléctricas non somerxíbeis aos entes de xestión de Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Ría de Muros e Noia e Barbanza Arousa. O orzamento inclúe a posta en marcha dun proxecto piloto de ecoturismo náutico. Cada un dos seis xeodestinos da provincia poderá optar a concesión dun so barco.
“En Turismo da Deputación”, explicou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, “hai tempo que traballamos na idea de poñer en marcha varios programas pilotos relacionados co turismo fluvial”. “Cremos”, engadiu, “que nun país como Galiza e nunha provincia como é a da Coruña, dun gran potencial fluvial, precisabamos dun proxecto deste tipo de aproveitamento dos recursos fluviais, claramente sustentábel, pois estes tres barcos estarán propulsados por enerxía absolutamente limpa”.
O obxectivo da área de Turismo da Deputación é que o proxecto chegue, en vindeiras anualidades, á totalidade do territorio e que os seis xeodestinos poidan contar con cadansúa embarcación. “Onde sexa posible, claro”, afirmou Regueira, “pero temos en toda a nosa xeografía ríos perfectamente navegables para este tipo de barcos; ademais por espazos, como tamén lagos e lagoas, cunhas características naturais moi interesantes para calquera visitante”.
Para o vicepresidente “trátase de ir vendo como se pode deseñar e estruturar un produto fluvial que teña rendibilidade e retorno no territorio, tanto a nivel de emprego como de economía e mesmo de ocio para a poboación residente”.
As solicitudes ás axudas presentaranse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL).
As bases reguladoras da convocatoria pódense consultar e descargar na seguinte ligazón:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2021/11/15/2021_0000007968.pdf