Avia Veira pide «non validar nin aceptar máis comportamentos, actitudes nin situacións de discriminación das mulleres»
«Se miramos décadas atrás, é moito o que temos conseguido de cara á igualdade real entre homes e mulleres, mais todas sabemos que aínda queda moito camiño por percorrer. E, a pesar de que conseguir dereitos que hoxe damos por feitos foi moi complicado, perdelos é moi sinxelo. Non debemos permitir que iso pase». Pediuno Avia Veira na súa intervención, hoxe en Vimianzo, do I Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte ‘Alza Voz de Muller’, un encontro organizado polo Deputación da Coruña e o Concello da capital soneirá que reúne a 120 mulleres da provincia para compartir experiencias, retos e inspiración arredor do emprendemento e a innovación con perspectiva de xénero.
A portavoz do grupo provincial do BNG na Deputación coruñesa -que compartiu estrado coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, coa deputada coruñesa de Emprego, Rosa Ana García, e coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas- advertiu de que «non debemos, como sociedade, validar nin aceptar máis comportamentos, actitudes nin situacións de discriminación que, por desgraza, aínda hoxe as mulleres temos que vivir. Tampouco debemos ocultalas, e moito menos, aplaudilas».
A obriga das administracións públicas é, para Veira, «dar visibilidade a esas situacións, combatelas e promover políticas públicas que fomenten a igualdade real: ser aliadas das mulleres sempre e por riba de todo». «E para iso estamos hoxe aquí», engadiu, «porque o liderado feminino nos diferentes ámbitos, o mesmo no empresarial, que no político que no institucional, implica outra forma de entender o liderado que confronta co modelo patriarcal que prevalece; un modelo que hai que repensar de maneira urxente».
Para a portavoz do BNG na Deputación, «durante demasiado tempo, os modelos de liderado estiveron marcados por valores como a autoridade, a competencia agresiva, o control; pero iso está a cambiar, grazas ás mulleres que lideran doutro xeito». «E falar de liderado feminino», salientou, «non é falar só de mulleres en postos de poder, pois falar dun novo xeito de exercer ese poder e tamén de habitar e de relacionarnos».
«As mulleres, historicamente afastadas das estruturas de poder, soubemos construír desde abaixo redes de apoio, sostemento mutuo e comprensión», afirmou Veira. «Estas ferramentas son agora as que poden guiar un novo xeito de liderar. Un liderado feminista que pon a vida no centro».
Rematou a deputada a súa intervención cun desexo: «que as xeracións do presente e do futuro non teñan que escoller entre liderar e vivir, entre profesionalizarse e coidar, entre ter voz e ser escoitadas. Dende a Deputación faremos sempre todo o que estea na nosa man para que así sexa».