Estímulo para proxectos singulares de especial interese cultural

Rosalia
Goretti Sanmartín subliñou o papel das industrias culturais na normalización da lingua galega.

A Deputación destina 200.000 euros á promoción de proxectos culturais que contribúan ao progreso social.

Estímulo para proxectos singulares de especial interese cultural

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de aprobar un orzamento de 200.000 euros para apoiar a aquelas entidades lucrativas que desenvolvan durante o 2018  proxectos singulares de especial interese cultural para a provincia. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases dunha convocatoria que ten por destinatarias ás produtoras culturais privadas que no transcurso do presente ano, desenvolvan proxectos artísticos, culturais ou patrimoniais en lingua galega, que resulten de especial interese para o desenvolvemento cultural galego.

 

Goretti Sanmartín, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, subliñou que "por primeira vez a Deputación apoiará ás entidades culturais privadas que leven a cabo proxectos que sexan de relevancia para a sociedade, proxectos singulares que merezan ter apoio público". Destacou tamén a importancia das industrias culturais "á hora de xerar riqueza, emprego e contidos de calidade", pois, o seu traballo "resulta fundamental para consolidar e normalizar a produción de proxectos culturais en lingua galega".

 

A Deputación da Coruña achegará unhas axudas de entre 2.500 e 30.000 euros a aquelas entidades lucrativas do sector cultural que leven a cabo iniciativas que aborden proxectos centrados na cohesión e integración social, a defensa da diversidade, a convivencia intercultural, a sensibilización medioambiental, iniciativas a favor da igualdade, a educación en valores, a integración de persoas con diversidade funcional, a recuperación demográfica ou a recuperación de identidades comunitarias a través do seu patrimonio material e inmaterial.

Bases: 
http://bop.dacoruna.gal/…/p…/2018/06/19/2018_0000004526.html

Estímulo para proxectos singulares de especial interese cultural