Xurxo Couto demanda que se custodien os bens que están no Pazo de Meirás

O responsable de Cultura da Deputación, Xurxo Couto
Xurxo Couto
Xurxo Couto demanda que se custodien os bens que están no Pazo de Meirás

O responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, o deputado do BNG Xurxo Couto, demanda que a Xunta custodie os  bens de especial interese que se atopan no interior do Pazo de Meirás. De maneira especial, Xurxo Couto referiuse ás esculturas de Mestre Mateo, ás pías de Moraime e á biblioteca de Pardo Bazán.  O deputado de Cultura, Xurxo Couto, reclama que a Xunta de Galicia e mesmo o goberno do Estado custodien os bens de singular interese patrimonial e cultural que se atopan dentro do Pazo de Meirás a familia Franco terá que entregar o vindeiro 10 de decembro por orde xudicial.  

Ademais das dúas esculturas de Mestre Mateo que, ao seren consideradas BIC a familia non pode trasladar sen autorización da Xunta, o deputado Xurxo Couto demanda que a Xunta poña especial atención en protexer as pías románicas da igrexa de Moraime, no concello de Muxía, sacadas do templo por orde da muller do ditador, Carmen Polo nos anos oitenta,  como se documenta en acta notarial de 1980 feita a instancias do párroco naquela altura.  

"Está claramente probado que as pías de Moraime entran no conxunto de patrimonio espoliado polos Franco e, neste caso, ademais hai un acta notarial que así o testifica. Por outra parte, sen ter unha protección directa si que forman parte dun conxunto artístico e patrimonial protexido co cal é urxente que se habiliten os mecanismos necesarios para que a familia non perpetre finalmente a desaparición das pezas", explica Xurxo Couto.  

Para o deputado de Cultura, as pías de Moraime, "son pezas de enorme valor artístico, patrimonial e histórico e, ademais, teñen un valor único vinculado á propia parroquia da que proceden que teñen que recuperar un ben co quexeracións e xeracións tiveron tamén unha relación familiar e afectiva. As pías son patrimonio artístico e tamén da veciñanza de Moraime". 

 Ademais, Xurxo Couto inclúe na solicitude a necesidade de protexer a biblioteca de Pardo Bazán que se atopa no Pazo de Meirás, inmóbel que fora con anterioridade propiedade da escritora, e que foi un dos principais elementos á hora de declarar BIC a propiedade.  Neste sentido, agarda que o inventario solicitado do contido do Pazo serva tamén para "poñer á vista os bens patrimoniais que Franco e a súa familia espoliaron e que, en moitos dos casos, nin se ten coñecemento de que forman parte do botín do ditador. Co que deixe á vista o inventario, teranse que tomar novas medidas para, de igual maneira que se conseguiu a devolución do Pazo, se consiga tamén a do resto do patrimonio espoliado", expón. 
 

Xurxo Couto demanda que se custodien os bens que están no Pazo de Meirás