A Deputación da Coruña remite á Comisión Técnica de Meirás o manifesto para dedicar o Pazo á recuperación da memoria histórica
A Xunta de Portavoces da Deputación da Coruña remitirá a comisión técnica integrada polas distintas institucións xunto con especialistas no tema o manifesto "Por un pazo de Meirás dedicado á memoria". Os grupos con presenza no pleno da institución decidiron trasladar o documento co obxectivo de que fose incorporado aos debates do uso da propiedade.
"Por un pazo de Meirás dedicado á memoria", o manifesto que, cun punto de partida feminista, reclama que o pazo situado no concello de Sada se converta nun "centro dedicado á memoria antifranquista".
O escrito, promovido por Montse Fajardo, Mª Xosé Bravo e Marta Dacosta, que foi xa asinado por case 1600 persoas e entidades, reclama que a loita feminista non sexa "utilizada de maneira interesada" para impedir o uso do Pazo de Meirás como espazo referente da memoria.
"Cremos que é o momento de mudar o seu significado e convertelo no símbolo da restitución da memoria das vítimas e da loita emprendida pola sociedade civil para acabar coa impunidade", sinala o texto que fai referencia especial ás mulleres que padeceron a represión que, "como as propias labregas de Meirás en 1933" que foron "desposuídas das súas terras para maior gloria da familia Franco".
"Reclamamos que a memoria centre os usos do Pazo de Meirás e rexeitamos que, baixo a aparencia de o dedicar a outra loita tan necesaria como é a do feminismo, se impida, outra vez, facer xustiza coas persoas represaliadas", sinala o manifesto que a Deputación da Coruña remitirá á comisión técnica que estuda os usos do Pazo de Meirás para a súa toma en consideración.