O deputado de Cultura, Xurxo Couto, anima a mercar libros porque son "saúde e felicidade"

Xurxo Couto.BNG
Xurxo Couto.BNG
Recoñeceu o papel das librarías durante a pandemia e animou a afortalar un sector "estratéxico e vital"
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, anima a mercar libros porque son "saúde e felicidade"

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, participou na inauguración da Feira do Libro de Ferrol e animou a mercar libros e recoñecer o papel central que as librarías teñen no sistema cultural. "Son saúde e felicidade a axudáronos a viaxar cando non se podía e a sobrelevar unha situación tan difícil como a que vivimos", dixo.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, aproveitou a súa intervención na inauguración da Feira do Libro de Ferrol para recoñecer o papel desenvolvido polas librarías durante a pandemia que, segundo dixo, "foron vitais para e idearon mil maneiras para seguir achegándonos libros, ferramentas indispensábeis para superar unha situación como a que vivimos".

No acto de presentación, ademais do responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, participaron o presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrolterra, Antonio Martínez, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato xunto co escritor Henrique Dacosta que foi o encargado de ler o pregón.

Lembrou o deputado de Cultura que esta mesma semana as áreas de Cultura e Normalización Lingüística, botaron a andar unha nova edición de #Librosparasermoslibres, que busca ampliar o número de lectores e lectoras para o libro galego, promocionar os libros e mesmo desenvolver un proceso participativo de animación que terá como agasallo un lote de libros mercados nas librarías "os espazos, ao noso ver, que teñen que ser referencia para adquirir libros porque, a súa fronte, está un libreiro ou unha libreira que saben o que fan, que traballan cun produto de especial calidade e rexentan un verdadeiro centro cultural", sinalou na súa intervención.

Celebrou tamén que os libros volvan a rúa, que as feiras revivan despois da pandemia, "ao aire libre, nun formato que garante a seguridade, a saúde e a felicidade, ao que poden achegarse as persoas sen medo algún, porque, como nos gusta dicir, a cultura non contaxia, é segura e é saudábel".
.
"Padecemos a ausencia das librarías e iso, sen dúbida, fíxonos darnos conta aínda máis do seu valor, do moito que as necesitamos, a libraría próxima, a do noso barrio, a que nos aconsella e nos resolve dúbidas, man a man, persoa a persoa", sinalou Xurxo Couto que defendeu o carácter estratéxico do sector e fixo un chamamento para contribuír a unha recuperación que, segundo dixo, "depende de todas e de todos, para impedir que ningunha libraría sexa vítima da covid, porque foron xa moitas perdas neste tempo e non nos podemos permitir ningunha máis".

"Desde a Deputación da Coruña comprácenos apoiar as feiras de libros que haberá en todo o territorio, e atoparnos de novo na rúa con eses tesouros máxicos que, cando non se podía, nos fixeron viaxar a todos os mundos posíbeis, cando todo se pechaba sobre nós mesmos, abríronnos fiestras de luz indispensábeis para sobrevivir", concluíu Xurxo Couto.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, anima a mercar libros porque son "saúde e felicidade"