A área de Cultura da Deputación da Coruña destina máis de cinco millóns de euros a apoiar a cultura a través de once liñas de axuda
Abre o prazo para a presentación a sete liñas de subvención que financian as programacións e investimentos de entidades culturais e a contratación de persoal técnico de cultura
Nos próximos días poderanse presentar ás de festivais de entidades e concellos, persoal de museos e centros de interpretación e proxectos singulares
A área de Cultura da Deputación da Coruña avanza na convocatoria das súas liñas de apoio á cultura de base, á contratación de persoal técnico e aos sectores profesionais abrindo o prazo para presentar candidaturas a sete convocatorias de subvencións ás que se sumarán en días catro máis que completarán o mapa de axudas da institución na área de Cultura.
Antes de rematar este mes de xaneiro estarán abertas así todas as convocatorias coas que a área de Cultura apoia as actividades e os investimentos da cultura de base, a contratación de persoal para a profesionalización do sector e proxectos de especial relevancia social no ámbito da cultura. "Queremos avanzar nas convocatorias porque este ano é especialmente importante que as entidades podan prever os investimentos para adaptar as súas programacións ás especiais circunstancias que estamos a vivir. As axudas da Deputación da Coruña son fundamentais para moitas entidades e a profesionalización é máis necesaria que nunca coa adaptación da actividade ás condicións sanitarias impostas pola covid", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.
Desta maneira, até o vindeiro día 19 de febreiro estará aberto o prazo para a presentación nas dúas convocatorias que a Deputación da Coruña destina a entidades culturais para o desenvolvemento de actividades ou para a realización de investimentos, convocatorias que contan cun orzamento de 900.000 € e 300.000 € respectivamente. A través destas convocatorias concederanse axudas de até 30.000€ para as entidades de natureza cultural e até 10.000 para as actividades culturais de entidades veciñais, socioeducativas e sociais ou asistenciais. Igual prazo terán as fundacións e entidades privadas titulares de museos, centros de interpretacións ou bibliotecas para concorrer á liña de axudas dotada con 500.000 € pola que se concederán subvencións de entre 1.500 € e 30.000 €.
A convocatoria está aberta tamén, tanto para actividades como para investimentos, para que poidan presentarse as corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional e formacións musicais de grande formato que contarán cun orzamento nesta edición das axudas de 680.000 € dos que 200.000 serán para investimentos. As subvencións serán, neste caso, dun máximo de 30.000 € para actividades e 15.000 € para investimentos.
"Xunto coa Rede Cultural, o conxunto de liñas de axuda converten á Deputación da Coruña nunha gran dinamizadora da cultura en todo o territorio, que traballa man a man cos distintos axentes sociais que cada día crean e promoven cultura e fan partícipes á sociedade dunha cultura viva nestes momentos en que é tan necesario", afirma o deputado de Cultura, Xurxo Couto.
Profesionalización do sector
Dúas das liñas da área de Cultura da Deputación da Coruña que buscan contribuír a asentar as entidades representativas do sector cultural profesional e fomentar a profesionalización das áreas de cultura municipais abren tamén os prazos de presentación para optar as axudas que tamén se manterán abertos até o vindeiro día 19 de febreiro.
Por segundo ano consecutivo, convócase a liña de axudas para as asociacións representantes dos distintos sectores profesionais e afeizoados da cultura galega que poderán acceder a axudas de até 30.000 euros dun orzamento total de 200.000 €.
Os concellos, pola súa parte, poderán optar ás axudas para a contratación de persoal técnico para a área de Cultura ao que a Deputación da Coruña destina un orzamento de 770.000 € que suma 400.000 para a creación de emprego especializado en xestión cultural coa convocatoria destinada a museos e centros de interpretación que abrirá en días o prazo de presentación que se prolongará até o vindeiro 25 de febreiro.
Será tamén esa a data en que se pecharán os prazos para que entidades e concellos consigan axudas para os festivais culturais cunha dotación de máis de un millón de euros e tamén a liña de proxectos singulares pola que a área de Cultura apoia iniciativas do ámbito privado que teñen especial repercusión social e cultural.