Cultura da Deputación da Coruña participa na Feira da Edición e o Libro Ilustrado
A área de Cultura da Deputación da Coruña participa na terceira edición da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea coa organización da Feira da Edición e Libro Ilustrado que terá lugar o día 16 de xaneiro en Santiago. Pola situación sanitaria, o programa, no que colabora Afundación, realizarase a través da rede.
A Feira de Edición e Libro Ilustrado, FELiiC desenvolverase de xeito virtual e sen público presencial o vindeiro 16 de xaneiro na Sede de Afundación de Santiago de Compostela e retransmitirase en directo a través de Afundación TV, desde a propia sala de exposicións da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, co obxectivo de facilitar o acceso nun momento en que as restricións sanitarias impiden a circulación entre concellos.
O programa arrincará ás 12.30 horas co coloquio coas persoas gañadoras dos Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña coa intervención de Alberto Vázquez, Martín Romero, autores de "A Caza" e "Uxío", gañadores na edición de 2019 na categoría xeral e infantil, respectivamente, e Begoña García Alén e Andrés Magán, que conseguiron con "Adeus amigos", e "As aventuras de Passer P. Malta" os premios na edición do pasado ano nas dúas modalidades. O acto será moderado polo deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.
"Trátase dun programa de grande interese que porá en valor o traballo que se está a desenvolver no ámbito da ilustración e, de maneira especial, o altísimo nivel de autores e autoras que, como os gañadores do premio Castelao que convoca a Deputación da Coruña, están a ter unha grande relevancia no sector", destacou o deputado de Cultura, Xurxo Couto que fai tamén fincapé no papel que a convocatoria anual do premio de banda deseñada supón á hora de dar a coñecer novos nomes de creadores e creadoras e publicar un conxunto de títulos de calidade para os que, en boa parte dos casos, o certame supón unha plataforma de difusión.
Ás 18:00 horas a actividade continuará cun coloquio coas ilustradoras que aparecen no libro Women´s Club: Art is Powerful, da editorial Monsa con Verónica Grech e Coco Escribano como convidadas. Imaxe: Presentación das obras gañadoras do Premio Castelao na Culturgal, con Xurxo Couto, os autores Martín Romero e Aberto Vázquez e o debuxante Kiko da Silva.