A EXPOSICIÓN, UNHA INICIATIVA DA ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN, CHEGARÁ TAMÉN A NARÓN, CARBALLO, A CORUÑA E AMES
Xurxo Couto e Xosé Lois visitaron en Padrón a mostra 'Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión'
«A exposición», salientou Couto, «está concibida para dar a coñecer o papel das mulleres cunha visión moi ampla tanto en tempo histórico como en protagonistas, ilustrando con imaxes todas as épocas do pasado século a través das loitas, reivindicacións e fitos destacados nos que participaron».
Xurxo Couto e Xosé Lois Penas desprazáronse hoxe a Padrón para visitar á mostra 'Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión'. Trátase dunha exposición que nace da man do departamento de Cultura da Deputación da Coruña co obxectivo de ofrecer unha visión global da memoria das mulleres nos últimos cen anos: desde as revoltas agrarias á situación educativa durante a II República, pasando pola represión durante o franquismo e o exilio ou a participación femenina na resistencia e na loita para conseguir a democracia. Os deputados do BNG estiveron acompañados polo alcalde, a tenente de acalde e unha das concelleiras da localidade do Sar, Antonio Fernández Angueira, Lorena Couso e Beatriz Rei, respectivamente.
«A exposición», salientou Couto, «está concibida para dar a coñecer o papel das mulleres cunha visión moi ampla tanto en tempo histórico como en protagonistas, ilustrando con imaxes todas as épocas do pasado século a través das loitas, reivindicacións e fitos destacados nos que participaron».
Os 39 paneis recollen liñas biográficas de 540 mulleres das catro provincias galegas, das que 194 aparecen nalgunha das 373 imaxes incluídas. Entre as figuras ás que fan referencia están María Casares e outros nomes menos coñecidos, coma os das mestras asasinadas e represaliadas durante o franquismo ou os das protagonistas do motín do arsenal de Ferrol. A exposición complétase cunha unidade didáctica para planificar o proceso de aprendizaxe por parte dos centros educativos que se acheguen a visitala.
A mostra, que poderá verse ata o 12 de febreiro, chegará tamén a outras catro localidades coruñesas: Narón, Carballo, A Coruña e Ames.