CELEBRARASE O SÁBADO 23 DE ABRIL NO TEATRO COLÓN DA CORUÑA
Xurxo Couto: "A gala de premios culturais 2020 e 2021 da Deputación será o maior encontro cultural do ano no país"
Presentada polas actrices Carmen Méndez e Lidia Veiga, reunirá os 31 premiados e premiadas e as case 150 persoas que participaron de xeito directo no desenvolvemento dos certames, entre xurados, comisariados e comisións lectoras. "Será unha celebración colectiva do papel crucial que a cultura tivo durante estes dous anos de crise pandémica, da luz que aportou e aporta á sociedade, así como un recoñecemento a creadores, creadoras e ao sector cultural no seu conxunto”, asegurou Couto.
O Teatro Colón acollerá o 23 de abril, ás 19 horas, a gala dos certames culturais da Deputación da Coruña correspondente aos anos 2020 e 2021. Conducida polas actrices Carmen Méndez e Lidia Veiga, reunirá os 31 premiados e premiadas, que recibirán unha escultura creada para a ocasión pola artista Soledad Penalta, e as case 150 persoas que participaron de xeito directo no desenvolvemento dos certames, entre xurados, comisariados e comisións lectoras. O contador Celso F. Sanmartín e a formación Son Trío poñeranlle tamén voz e música á velada.
A presentación da gala tivo lugar esta mañá no teatro coruñés nun acto no que participaron o responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, a quen acompañaron Méndez e Veiga. O evento suporá, en palabras de Couto, “posiblemente o maior encontro cultural do ano no país”. “O noso departamento”, explicou, “leva desenvolvendo un importante labor de apoio á creación artística a través da convocatoria anual de todo un amplo número de certames; o acto público de entrega dos premios ten por obxecto poñer en valor as obras gañadoras e homenaxear as persoas que as crearon”.
“Nos exercicios 2020 e 2021”, explicou Couto, “non se puideron celebrar estes actos públicos por cuestións relacionadas coa situación sanitaria derivada da Covid, polo que este año deseñamos un evento que será unha celebración colectiva do papel crucial que a cultura tivo durante estes dous anos de crise pandémica e da luz que aportou e aporta á sociedade, así como un recoñecemento a creadores, creadoras e ao sector cultural no seu conxunto”.
Os premios á creación que cada ano concede a Deputación inclúen 5 certames literarios (o Torrente Ballester de narrativa, o González Garcés de poesía, o Dieste para textos teatrais, o Raíña Lupa de LIX e o Manuel Murguía de ensaio), 5 de artes visuais (o Ksado de creación fotográfica, o Isaac Díaz Pardo de artes plásticas, o Jesús Núñez de artes gráficas, o Antón Fraguas de artesanía e o Castelao de banda deseñada), 3 de música (o Narf para artistas e grupos musicais, o Andrés Gaos de composición musical e o Quero Cantar para bandas infantís e xuvenís), e 2 para a acción cultural (o Rosalía de Castro de dinamización da lingua e o Begoña Caamaño para a igualdade de xénero).
A asistencia á gala é de balde e aberta ao público en xeral, con retirada de convite a través da páxina web do Teatro Colón a partires do venres 1 de abril.