Andrés Sanjurjo, Vanesa M. Sotelo, Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo, seleccionadas para as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura
Para o deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, "a diversidade de propostas que concorreron a esta primeira convocatoria das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura confirma a pluralidade de temas e intereses que hai actualmente nas investigacións e na literatura de noso”. Paula Domínguez, Judith Ruso, Xerardo X. Pereiro Pérez e Abraham Pérez Fernández, foron as persoas seleccionadas para as Residencias Artísticas Mariñán na modalidade de Pensamento.
Andrés Sanjurjo García, Vanesa Martínez Sotelo, María Esther Fernández Carrodeguas, María Soraya Lema Carballo, Paula Domínguez, Judith Ruso, Xosé Xerardo Pereiro Pérez e Abraham Pérez Fernández, son as 8 autoras e autores seleccionados para participar na primeira edición das Residencias Artísticas Mariñán dedicadas a Literatura e Pensamento. Foron seleccionadas por un xurado composto polo videocreador e escritor Rafa Xaneiro, pola poeta Alba Cid e pola filósofa e ensaísta Rebeca Baceiredo. Tamén participaron o deputado de Cultura, Xurxo Couto, en calidade de presidente, e a xefa de sección de Cultura e Deportes, Manuela Muñiz, en calidade de secretaria. Na xuntanza tamén estivo presente o comisario das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento, Roberto Abuín.
Tras a xuntanza do xurado, Xurxo Couto explicou que “o obxectivo fundamental desta iniciatia é ir máis aló dos resultados finalistas, apoiando os procesos de creación e atendendo, deste xeito, a unha demanda histórica dos creadores e creadoras do país”. O deputado de Cultura tamén quixo facer fincapé “na diversidade de propostas que concorreron a esta primeira convocatoria das Residencias que, ao igual que ocorrera nas de música, confirma a pluralidade de temas e intereses que hai actualmente nas investigacións e na literatura de noso”.
No mes de xullo desenvolverán a súa estadía en Maríñán Andrés Sanjurjo e Vanesa M. Sotelo, na modalidade de Literatura, e Paula Domínguez e Judith Ruso, na de Pensamento. Mentres, en decembro será a quenda de Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo en Literatura, e de Xerardo Pereiro Pérez e Abraham Pérez Fernández na de Pensamento. Cada estadía terá unha duración de 14 días.
Convén lembrar que as Residencias Artísticas Mariñán nacen como unha nova iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña, co obxecto de incrementar a súa liña de apoio á creación, complementando outras iniciativas xa existentes como son as convocatorias de premios, correspondentes a un amplo abano de disciplinas artísticas. Concretamente no eido da literatura, son cinco as convocatorias: o Premio Torrente Ballester de narrativa, en linguas galega e castelán, o Premio González Garcés de poesía, o Premio Rafael Dieste para textos teatrais, o Premio Manuel Murguía de ensaio, e o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.