Xurxo Couto defende o modelo cultural do seu departamento na gala dos certames artísticos da Deputación
Os deputados do BNG Xurxo Couto e María Muíño e mais o presidente provincial, Valentín González Formoso, encabezaron onte a gala de Premios culturais da Deputación, na se homenaxearon as 12 persoas e entidades galardoadas nas convocatorias de 2022. Os tres foron os encargados de entregar as esculturas creadas para a ocasión pola artista Soledad Penalta.
Couto puxo en valor o traballo que se realiza desde o seu departamento para apoiar de xeito «sólido e estable» a creación artística. Un apoio que, ademais das convocatorias de premios, se vén incrementando con novas iniciativas como as Residencias Artísticas no Pazo de Mariñán. «É unha liña de traballo prioritaria que, no relativo á creación, implica a máis dun cento de persoas remuneradas porque, volvo repetilo unha vez máis, sempre defendemos que todos os protagonistas do sistema cultural deben ser tratados profesionalmente».
O deputado de Cultura tamén aproveitou para defender «un modelo cultural propio, baseado en eixos como a lingua, a capacidade de transformación social da cultura e o traballo desde o local cara ao universal, abranguendo todo o territorio e sempre da man dos concellos, entidades e artistas e creadoras«. «Debemos estar orgullosos de termos unha cultura propia que nos diferencia como pobo», afirmou, e salientou «o talento e a potencia do noso sector cultural, e nomeadamente nos creadores e creadoras deste país».
Ao escenario do Teatro Colón subiron a poeta Yolanda Castaño, os escritores Lois Pérez e Amador Castro, o grupo Mallou, as artesás Carmen Riveiro e Verónica Moar, a artista gráfica Myriam Gesalaga, os debuxantes e guionistas de banda deseñada Siqi Luis Yang, Uxía Larrosa e Francisco Pérez Villanueva, o fotógrafo Brais Lorenzo, e as representantes da Comisión de Igualdade do Ceip Barouta e da Federación de Redeiras Artesás O Peirao.
A gala estivo presentada pola xornalista Marga Pazos e contou coas actuacións da contadora Carmen Conda e música de Antía Muíño.