Cultura da Deputación da Coruña subvenciona con preto de 400.000 euros as entidades de cultura tradicional e a sectores profesionais e amadores da cultura galega
Un total de 60 corais, bandas de música populares e entidades de música de baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato de toda a provincia repartiranse 199.179,97 euros a través dunha das liñas de axudas consignadas para 2022 pola área de Cultura da Deputación da Coruña. O departamento que dirixe Xurxo Couto destinará outros 198.691,95 euros para 15 entidades que representan os distintos sectores profesionais e amadores da cultura galega.
Compra de vestiario, instrumentos e outros materiais; cursos e obradoiros de baile e música; xuntanzas profesionais; proxectos estratéxicos de dinamización sectorial; mostras corais, festivais, certames ou concertos son algunhas das actividades das entidades beneficiarias ás que se destinarán as achegas que, en palabras de Couto, “responden á vontade de apoio á nosa cultura viva en asociacións que a promoven en todo o territorio”.
“Estas subvencións”, engade o deputado, “renovan a nosa aposta por favorecer o sector cultural en todas as súas dimensións, e moi especialmente naquelas máis directamente vinculadas á creación de emprego e mantemento de estruturas profesionais e creativas”.
Para Couto, o obxectivo do seu departamento “é promover un tecido asociativo que fai realidade o noso lema de que a cultura é un dereito e, como tal, ten que ser exercido e apoiado e en poucas circunstancias esta afirmación cobra máis forza que nas entidades en que a nosa cultura toma vida en milleiros de persoas que son partícipes dela nas distintas escolas e agrupacións”.
A relación de beneficiarios das subvencións está publicada do Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 7 de xuño e pode consultarse ou descargase nas seguintes ligazóns:
- https://bit.ly/3muWqPb, no caso das entidades de cultura tradicional.
- https://bit.ly/3QaMJTo, no caso das entidades que representan os distintos sectores profesionais e amadores da cultura galega.