Xosé Regueira: "Traballamos nun proxecto de turismo literario que vertebre a provincia a través da literatura e a sitúe en roteiros turísticos literarios a nivel europeo"
A Deputación da Coruña está a traballar nun proxecto de turismo literario que vertebre a provincia a través da literatura e a sitúe en roteiros turísticos literarios a nivel europeo. Trátase dunha iniciativa na que está a traballar o departamento provincial de Turismo, que xestiona o vicepresidente Xosé Regueira, e que verá a luz o vindeiro ano. Anunciouno o propio Xosé Regueira esta mañá no marco da presentación da colaboración provincial co Festiletras 2022.
Xosé Regueira, que estivo acompañado polo xerente da Fundación Eduardo Pondal, José María Varela, e pola escritora Concha Blanco, explicou que o seu departamento xa ten avanzada unha memoria de proxecto de turismo literario para a provincia e que "agora estamos traballando para crear produtos relacionados cun tipo de turismo cultural, non masificado, sostible e de calidade". Neste punto, o vicepresidente asegurou que "temos un territorio cunha literatura propia de primeiro nivel e estamos a dar os primeiros pasos para crear propostas de diversificación e desestacionalización da oferta turística, e que se integren nun circuíto internacional, sobre todo europeo, e que sitúen a literatura galega en convivencia coa vasca, a catalá, a bretoa ou a gaélica".
En relación ao Festiletras, que Regueria cualificou como "patrimonio inmaterial dun territorio como a Costa da Morte pero tamén de toda Galiza", o departamento provincial de Turismo suma nesta edición a súa colaboración á xa existente desde as áreas provinciais de Cultura e de Normalización Lingüística. Así, cando o Festiletras chega á súa 40 edición, Turismo da Deputación colabora co financiamento dunha actuación musical, concretamente un concerto de Baiuca, unha intervención de arte mural e un globo aerostático. Todas estas accións terán lugar o sábado 3 de setembro, por ser a xornada que o Festiletras dedica á Deputación da Coruña.
José María Varela explicou que as datas fortes do Festiletras se manteñen no mes de setembro, entre o 1 e o 4, e que incluirá as actuacións musicais, a feira científica e as presentacións literarias. Unha cita que sitúa a aldea do Couto, no concello de Ponteceso, como o epicentro cultural do país a comezos do outono. Tamén informou que no mes de maio, no entorno do Día das Letras, se realizará un roteiro literario a Muxía e se nomearán 5 novos 'bos e xenerosos'. Pola súa banda, Concha Blanco fixo un repaso polos 40 anos de Festiletras lembrando que por este festival teñen pasado grandes personalidades tanto da literatura como Neira Vilas, Anisia Miranda, ou Uxío Noveneira, como da música, citou como exemplos a Mercedes Peón e a Xabier Díaz, do mundo científico, como Ángel Carracedo, ou do muralismo, como Yoseba Muruzábal ou Lidia Cao. Tamén cuantificou que nas 39 edicións realizadas de Festiletras, teñen pasado pola aldea do Couto 500 bandas de música e 270 artesáns.