AVIA VIEIRA FOI UNHA DAS DEPUTADAS QUE LEU A DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PLENO

Sol Agra reivindica os «dereitos legais que non son reais para as mulleres» no acto da Deputación polo 8M

Agra, durante a súa intervención, esta mañá na sede provincial
Agra, durante a súa intervención, esta mañá na sede provincial
«É nosa a responsabilidade de deixarlles ás mulleres do futuro, as nosas fillas e netas, un mundo máis xusto, onde ser muller non sexa unha condición de risco, unha desvantaxe de partida», sinalou a responsable provincial de Igualdade na súa intervención.
Sol Agra reivindica os «dereitos legais que non son reais para as mulleres» no acto da Deputación polo 8M

Foi contundente Sol Agra para reivindicar a equiparación de dereitos entre o home e a muller, na súa intevención no acto institucional da Deputación da Coruña polo 8M, celebrado esta mañá no vestíbulo da sede provincial, onde tamén manifestou a necesidade de que as administracións fagan todo o posible por avanzar nesa loita.

A deputada de Igualdade reclamou «os dereitos legais que non son reais para nós», entre os que citou, entre outros: «o dereito a un traballo digno remunerado co mesmo salario ca os dos homes, porque a fenda salarial segue existindo; o dereito a ter a mesma representación no espazo público, porque sen as cotas de xénero seguiriamos estando infrarepresentadas nos partidos políticos; e o dereito a poder acceder a estudos e empregos maioritariamente ocupados por homes, mellor pagados e con horarios mais razoables ca os maioritariamente ocupados por mulleres».

Agra referiuse tamén á necesidade dun esforzo común para acadar a igualdade: «É nosa a responsabilidade de deixarlles as mulleres do futuro, as nosas fillas e netas, un mundo máis xusto, onde ser muller non sexa unha condición de risco, unha desvantaxe de partida».

E rematou a súa intevención afirmando a obligatoriedade de que ás administracións que se involucren: «As Institucións temos que tomar nota  tamén do que non facemos ben e adoptar medidas para evitar a  precariedade, para garantir o cumprimento das leis e para seguir avanzando con novas propostas. Temos que adoptar medidas para evitar a privatización de servizos que traen consigo recortes nos dereitos das traballadoras e blindar os servizos públicos e de calidade, e temos tamén que traballar para que onde gobernamos haxa plans de igualdade, medidas de conciliación e outras para  alcanzar a igualdade das persoas LGTBI en todas as empresas; todas as medidas, en fin, precisas, que en moitos casos están xa nas leis, pero seguen sen aplicarse».

Lectura institucional

Avia Veira foi unha das encargadas da lectura da 'Declaración Institucional do 8 de marzo’, acordada por todos os grupos da corporación no pleno do pasado venres. A nosa voceira leu coas conclusións do texto, que afirman que a Deputación considera fundamental:

  1. Apoiar, recoñecer e difundir as convocatorias do feminismo galego que neste 2024 sinalan os compromisos pendentes e incumpridos por diferentes institucións e ámbitos de responsabilidade e colocan novamente no centro do debate político e social as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político, agravadas polo impacto da pandemia da crise de prezos, e expresar o compromiso desta corporación para traballar contribuíndo a superar esta situación.
  2. Promover a participación activa das mulleres na vida política e social, con accións de sensibilización, capacitación, fomento do liderado feminino que permita que se consiga o contemplado na lei a respecto da paridade mais tamén en medidas activas que fomenten que iso tamén se cumpra nas entidades e empresas que colaboran ou están financiadas pola Deputación da Coruña.
  3. Aplicar medidas que garantan a igualdade salarial e de oportunidades no emprego, promovendo a participación equitativa das mulleres en todos os ámbitos.
  4. Tomar decisións en todos os ámbitos institucionais para avanzar na igualdade real e efectiva das mulleres, rematando así coas desigualdades manifestas en todos os ámbitos referenciais para a sociedade: deporte, audiovisual, laboral etc.
Sol Agra reivindica os «dereitos legais que non son reais para as mulleres» no acto da Deputación polo 8M