Sol Agra: «A Deputación da Coruña é esa administración aliada que promove iniciativas os 365 días do ano para fomentar a igualdade real en todos os estamentos da sociedade»

Sol Agra defendeu esta mañá o compromiso da Deputación da Coruña coa igualdade entre homes e mulleres, «sen datas, durante os 365 días do ano». Fíxoo no Circo de artesáns coruñés, durante a inuguración das xornadas 'Retos e resistencias das mulleres migrantes', unha iniciativa do seu departamento co gaio do 8M, coordinada pola entidade Yarama África, para alertar das múltiples barreiras que enfrontan no seu proceso de integración social, laboral e cultural e no exercicio pleno dos seus dereitos. Ao acto de apertura asistiron os seus compañeiros no grupo provincial do BNG.
«A Deputación da Coruña é esa administración aliada que promove iniciativas os 365 días do ano para fomentar a igualdade real en todos os estamentos da sociedade», afirmou Agra. «Por iso», engadiu, «este ano quixemos poñer o foco na discriminación que sofren as mulleres migrantes para visibilizar as múltiples barreiras que enfrontan no seu proceso de integración e no exercicio pleno dos seus dereitos».
A deputada do BNG refeiruse á «triple discriminación que sofren as mulleres migrantes, por xénero, procedencia e situación socioeconómica; por iso, a través desta xornada, queremos dialogar e reflexionar sobre as experiencias, desafíos e estratexias de resistencia das mulleres migrantes na nosa sociedade».
O encontro, segundo Agra, quere servir de espazo para acadar un dos obxectivos importantes dentro das políticas da área de Igualdade provincial, «o de colaborar con entidades que xa están traballando no territorio e que coñecen de primeira man os problemas das persoas ás que van dirixidas as nosas accións». «Pois», rematou, «o apoio político e institucional serve para o que ten que servir: transformar a sociedade e convertela nun lugar amable para todas, porque o feminismo é unha cuestión de xustiza social. Xuntas cambiaremos o mundo».