O DEPARTAMENTO QUE DIRIXE XURXO COUTO DESTINA 250.000 EUROS A ESTE FONDO

O Reino de Galiza centra a nova liña de traballo da área de Cultura da Deputación da Coruña

Xurxo Couto e Xavier Campos, na presentación do proxecto
Xurxo Couto e Xavier Campos, na presentación do proxecto
Socializar o coñecemento sobre a historia medieval galega a través de audiovisuais, merchandising, produtos propios da cultura pop actual, intervencións de cultura urbana, libros ou discos, é o obxectivo da convocatoria do ‘Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22. A institución provincial destina un total de 250.000 euros a este fondo, no que se seleccionarán un total de 20 proxectos, cun orzamento máximo de 15.000 euros por proposta.
O Reino de Galiza centra a nova liña de traballo da área de Cultura da Deputación da Coruña

A área de Cultura da Deputación da Coruña abre, neste ano 2022, unha nova liña de traballo que terá o Reino de Galiza e a socialización da historia medieval galega como principal tema. O deputado de Cultura, Xurxo Couto, e o asesor da área, Xavier Campos, presentaron esta mañá a primeira das iniciativas, o ‘Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22’, unha convocatoria cuxo obxectivo é, en palabras de Couto “contribuír á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galiza”.

A través deste fondo destinarase un orzamento de 250.000 euros a proxectos en todo tipo de soportes e formatos, desde libros e discos, ata merchandising, intervencións de cultura urbana, contidos para canles de redes sociais e mesmo produtos vinculados á denominada cultura pop’. Esta convocatoria está especificamente destinada a empresas e persoas autónomas e de todas as propostas presentadas seleccionaranse un total de 20 proxectos, que poderán recibir unha contía máxima de 12.500 euros cada un. A convocatoria, que xa foi anunciada no BOP, entrará en vigor nos vindeiros días cando saia publicada na plataforma estatal de subvencións.

“Os galegos e as galegas temos moitos motivos para sentirnos orgullosos e orgullosas da nosa historia medieval pero dificilmente se pode poñer en valor algo que non se coñece”, asegurou Xavier Campos, quen insistiu en que “non se trata de xerar contidos meramente académicos e destinados a público interesado previamente, que tamén, senón que queremos chegar a un público moito máis amplo”. "Trátase de que toda a sociedade saiba aquí existiu un Reino medieval de Galiza, o mesmo que se fixo co Reino de Asturias ou co Reino de León, cuxa percepción social vai máis aló do contexto histórico e está asentado noutros ámbitos como o cultural ou o deportivo”, explicou.


Do inventio do Apóstolo Santiago á revolta irmandiña

“Sen estudar o Reino de Galiza non é posible hoxe comprender a propia existencia e as relacións galegas con Portugal, os porqués da inventio da tumba do Apóstolo Santiago, o feito de que reis de Castela, Toledo ou León escribisen en galego e que nesta lingua florecese a expresión literaria máis relevante e culta do medievo peninsular, a verdadeira natureza histórica de figuras como Pardo de Cela, Xelmírez ou Don García, a revolta irmandiña contra o poder feudal dos señores ou a propia existencia na actual Catedral de Santiago dun Panteón Real”, asegurou Couto.

O deputado de Cultura indicou tamén que a etapa medieval “é unha das etapas máis relevantes e tamén unha das menos estudadas da nosa historia social e política.” Partindo desta premisa, fixo fincapé en que “a sociedade galega actual precisa coñecer o seu pasado para comprenderse mellor na actualidade e poderse pensar con máis capacidade cara o futuro”. Tamén explicou que “esta é unha das épocas máis manipuladas e terxiversadas no relato oficial instalado desde o franquismo.”

Couto e Campos avanzaron ademais que a convocatoria do ‘Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22’ terá continuidade con novas iniciativas relacionadas co Reino de Galiza que se desenvolverán tanto ao longo de 2022 como en vindeiros anos.

O Reino de Galiza centra a nova liña de traballo da área de Cultura da Deputación da Coruña