O 'Quero Cantar' recibe as primeiras maquetas para a súa terceira edición
O prazo para presentar cancións remata o 19 de outubro
Quero Cantar, o certame de música infantil e xuvenil que convoca a Deputación da Coruña ten aberto o prazo para enviar propostas ata o 19 de outubro. Desde a área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña recordan que entre os premios do concurso están a posibilidade de participar nun disco recompilatorio, tocar en directo no Teatro Colón da Coruña, gravar un videoclip ou recibir unha cantidade para a compra de material que pode ser de até 1.500 euros, para as tres persoas ou grupos clasificados en cada categoría. A convocatoria está aberta a grupos e solistas de toda Galiza.
As persoas interesadas poden obter máis información e contactar coa organización a través da páxina web www.querocantar.gal e das redes sociais do concurso. Nesta mesma páxina decontado se han poder escoitar as propostas máis madrugadoras desta terceira edición. Polo momento aínda están dispoñibles no sitio as maquetas recibidas nas anteriores edicións; pódense descargar ademais os discos editados coas cancións finalistas e ver os videoclips cos que o anos pasaddo foron premiados os temas Son muller, do grupo xuvenil Máis boas cás patacas de Teo, e Quero xogar, do grupo infantil Os nenos da vella da Coruña.