O Premio Rosalía de Castro de Lingua chega a súa décima edición
O prazo para presentar candidaturas remata o vindeiro 30 de maio.
A Deputación da Coruña abre o prazo para recibir propostas para o Premio Rosalía de Castro de Lingua que chega neste ano a súa décima edición. Galipedia, Pirilampo, AS-PG, Apego, Xabier P. Docampo , Correlingua e a Semente recibiron o galardón nas últimas edicións.
Até o vindeiro 30 de maio está aberto o prazo para presentar solicitudes para o Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña, unha iniciativa que busca recoñecer o labor de promoción e dignificación da nosa lingua. O premio conta con dúas modalidades, unha destinada a valorar persoas ou colectivos que traballen pola normalización do galego e outra específica para iniciativas para a infancia e mocidade.
Os premios concédense cada ano a persoas, colectivos, asociacións que destaquen pola súa traxectoria na promoción e dignificación da lingua galega ou que salienten por actividades que impliquen o espallamento da lingua galega no ano en curso. Valorarase a tarefa continuada na promoción da nosa lingua, actuacións concretas desenvolvidas ou previstas no ano 2019, campañas de información ou contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural.
Pódense consultar as bases na seguinte ligazón: http://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2019/03/14/2019_0000001967.pdf