Penas subliñou o compromiso da Deputación co cinema e coa cultura na presentación da MICE 2024 hoxe en Compostela
O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, participou na presentación, hoxe en Compostela, da edición número 19 da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que organiza o Museo do Pobo Galego e que conta coa colaboración da área de Cultura da Deputación da Coruña. Celebrarase na capital galega do 20 ao 26 de marzo.
«Festivais coma a MICE son cruciais á hora de poñer en valor o que somos e o que significan a nosa cultura e a nosa historia, porque diso trata este cinema especializado que relata historias comúns que trascenden o noso territorio», salientou Penas.
O deputado tamén subliñou «o compromiso da Deputación co cinema e coa cultura a través do apoio a iniciativas coma esta, que non só promoven o acceso audiovisual, senón que tamén achegan á sociedade as orixes antropolóxicas».
Para Penas, «o papel do cinema resulta fundamental á hora de facer unha reflexión e falar de xeito claro sobre o patrimonio inmaterial, posto que ten que ser reflexo da sociedade á cal representa, ademais de establecer canles de diálogo, pensamento e, en definitiva, proxectar un intercambio cultural e social en tempos no que todo se mide polos números».
Penas deulles os parabéns «á dirección da mostra e a todos os que están detrás, porque co seu esforzo foron quen de organizar un festival único no noso país e case único en todo o estado».
Será catro os espazos composteláns que acollan a 19ª MICE: o Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal, o Salón Teatro e NUMAX, onde se poderán ver 70 pezas audiovisuais de doce países, incluídos os 13 filmes que competirán na sección oficial, dos que oito dirixíronos mulleres.