Natividade González: «A profesionalización dos servizos de cultura dos concellos é imprescindible para achegar unha oferta de calidade a toda cidadanía»
A Deputación subvencionará este ano con 740 000 euros os gastos de persoal técnico de animación cultural e do encargado da xestión cultural nas entidades municipais en 2025, unhas axudas que se repartirán entre 61 beneficiarios e que, segundo González, «contribuirá ao mantemento e á mellora no recoñecemento do perfil profesional nos postos de traballo, sempre desde o necesario respecto á autonomía municipal».
A Deputación da Coruña investirá 739 478 euros no programa FO206, de subvencións a concellos e outras entidades locais para o financiamento dos gastos de persoal técnico nos servizos municipais de cultura en 2025. Son 61 os beneficiarios das axudas, que recibirán entre 5000 e 15000 € para o mantemento tanto dos postos de traballo de técnicas e técnicos en xestión cultural coma en animación sociocultural.
«As axudas non só contribuirán á profesionalización das áreas de cultura municipais e ao mantemento do emprego no sector», explica Natividade González. «Tamén promoverán boas prácticas e fomentarán programacións culturais estables nos concellos, que, pensamos, son indispensables para achegar unha oferta de calidade a toda cidadanía».
«Ademais, con esta liña de subvencións», engade a deputada, «o departamento provincial de Cultura busca definir un marco que sirva para cumprir con dous obxectivos: dun lado, contribuírmos ao mantemento e á mellora no recoñecemento do perfil profesional nos postos de traballo xa existentes nos concellos. E, doutro, definirmos requisitos, coñecementos formativos, funcións e categorías profesionais; neste caso, do persoal técnico de animación cultural e do encargado da xestión cultural. E facémolo sempre desde o necesario respecto á autonomía municipal».