Natividade González: «As Residencias Mariñán 2024 son a mellor estratexia para incentivar este ano, desde a área de Cultura da Deputación, disciplinas como a música e a literatura»
A Deputación da Coruña volve reforzar as súas liñas de apoio a creadoras e creadores dándolles continuidade ás Residencias Artísticas Mariñán de música e de literatura e pensamento. Presentáronas esta mañá na sede provincial a deputada de Cultura, Natividade González, e a comisaria das residencias musicais, Aitana Cuétara.
«Nesta segunda edición das Residencias, complementamos a aposta por apoiar activamente as creadoras e creadores, como o noso departamento vén facendo desde hai anos coa convocatoria anual de bolsas artísticas e de premios e certames nos diferentes ámbitos e disciplinas», explicou González. «Nesta caso, reforzamos dous programas centrados non nas pezas ou nos resultados finais, senón nos procesos creativos, nun espazo singular, como é do Mariñán, e poñendo a disposición dos participantes todos os medios para desenvolver os seus proxectos con éxito e nas mellores condicións».
Coas Residencias, a área de Cultura provincial quere, en palabras da deputada, «apoiar uns espazos que doten de tempo e de recursos: unha necesidade que se consolida no mundo da cultura e unha necesidade para a creación artística».
«As Residencias son a mellor estratexia para incentivar este ano, desde a Deputación da Coruña, disciplinas como a música e a literatura», salientou a deputada. «Apoiar as Residencias Mariñán é evidenciar a obriga de crear espazos e dar a estabilidade tan necesaria para artistas e creadores ou creadoras; de fornecer de recursos para a investigación, para a creación e para o diálogo que se xera entre o artista e a comunidade».