Natividade González reivindica unha cultura «como dereito e alento para facernos máis xustos, máis conscientes e máis libres»

«En tempos nos que soan tambores de guerra, nos que nos alertan do posible regreso das longas noites de pedra, o que parece redundante vólvese imprescindible. A cultura é un dereito. A cultura é o alento», afirmou Natividade González no comezo da intervención que abriu a IV Gala de Cultura da Deptuación da Coruña, celebrada esta tarde no Teatro Colón.
Para a deputada do BNG, «a cultura tamén é quen de situarnos, moitas veces, nos lugares máis inesperados, eses que poden chegar a ser inhóspitos, pero que serven para vernos dende outras perspectivas». «A empatía, a valentía, os coidados, a alegría son fundamentais para un mundo máis xusto; e todo iso tamén é cultura».
Segundo González, a gala foi unha cita «na que celebrar, dende a colectividade, a nosa identidade». «A nosa cultura», engadiu, «é moito máis ca un conxunto de tradicións, músicas, danzas ou libros; é a esencia mesma da nosa maneira de vivir e de entender o mundo. É, sen dúbida, a forza que nos empuxa a crear, a reflexionar e a transformarnos como individuos e como sociedade».
Falar de cultura, para González, «implica necesariamente falar dos creadores e creadoras, xa que sen eles non existiría». «Hoxe», recoñeceu, «o protagonismo é voso, dos catorce premiados e premiadas, sobre todo, pero tamén de toda esa xente moza que está botando man dos coñecementos máis ancestrais, das nosas avoas e bisavoas, para recuperalos e reivindicalos como a bandeira máis representativa». «Ese 'novo tradi'», dixo en referencia ao fío condutor da gala, «que é moito máis ca un concepto de moda, pois implica a posta en valor do noso patrimonio, da nosa memoria e, esencialmente, do que somos como país; de todo un país talentoso, orgulloso e moi vivo que nos amosa cada día que a cultura é a arma máis poderosa».
Referiuse a deputada a Novoneyra na súa intervención: «"Bailas e fasme libre”; ese é o poder da cultura, a única capaz de facernos máis xustos, máis conscientes e máis libres». «Bailemos, cuestionémonos, celebremos e sigamos defendendo sempre a cultura como un dereito», rematou.