A REDE PROGRAMARÁ ESTE ANO 1182 ESPECTÁCULOS, CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 1,5 MILLÓNS DE EUROS
Natividade González: «A Rede Cultural da Deputación consolídase como o circuíto máis sólido no territorio»
A Rede Cultural da Deputación da Coruña programará entre o que queda de ano e o primeiro trimestre de 2025 un total de 1182 espectáculos, que chegarán a 91 localidades do territorio. A institución provincial realizará no circuíto un investimento de 1 513 435 euros para unha oferta, cofinanciada cos concellos, que inclúe montaxes escénicas, audiovisuais, música, danza ou maxia.
«Con estes números», salientou Natividade González, «a Rede consolídadese como o máis sólido circuíto no territorio». «E o territorio», engadiu, «é precisamente un dos piares nos que se asentan as políticas culturais do BNG na Deputación: apostamos por un modelo que tece redes e iso fai a Rede Cultural, que, desde a proximidade, achega a cultura a todos os municipios da provincia e ten como protagonistas as e os profesionais máis importantes da nosa música, as nosas artes escénicas e o noso audiovisual».
«Seguimos facilitando un relevante espazo de programación artística que ten como obxectivo principal garantir unha oferta diversificada e de calidade en toda a provincia e que, polo tanto, orientamos de tal xeito que favoreza a capacidade dos concellos coruñeses para desenvolveren propostas culturais atractivas para os seus veciños e veciñas»., destacou a titular de Cultura.
Para González, «a cultura é un dereito, como temos como lema no noso departamento, pero a cultura galega, non hai máis que ver a calidade dos espectáculos que programamos a través da Rede Cultural, tamén é un orgullo que debemos compartir con todos os concellos da provincia, facilitándolle o acceso e goce das propostas a toda a cidadanía».