A DEPUTADA DE CULTURA E SOL AGRA ASISTIRON AO CONCERTO QUE A OSG OFRECEU ONTE NA NOVA SALA RIBEIRÁ
Natividade González: «As liñas de axuda da Deputación son imprescindibles para dotar de contido de calidade espazos tan singulares coma o novo Auditorio de Ribeira»
Natividade González e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, presentaron o concerto que a Orquestra Sinfónica de Galicia ofreceu onte á noite no Auditorio de Ribeira. Foi o primeiro dos programados no novo espazo ribeirán pola área de Cultura da Deputación da Coruña e incluído no convenio, por 1,5 millóns de euros, asinado entre a institución provincial e a OSG para o financiamento das actividades da orquestra en 2024.
González, a quen acompañou a titular de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra, salientou o potencial do novo auditorio, «unha infraestrutura que lle permitirá á veciñanza gozar da cultura nas súas diferentes expresións, e tamén un símbolo do compromiso do noso departamento e mais do Concello de Ribeira coa música e coas artes». «Este fermoso espazo está destinado a converterse nun referente da comarca e da provincia grazas á programación de concertos coma o de hoxe, un momento sen dúbida histórico».
«Na Deputación», dixo a titular de Cultura, «somos conscientes da enorme necesidade que teñen os concellos de dotar de contido de calidade espazos tan singulares coma este, por iso son tan importantes as nosas liñas de axudas, a Rede Cultural e outros acordos, coma o que vimos de asinar coa Orquestra Sinfónica de Galicia, que inclúe recitais da OSG noutros concellos coruñeses. Desde hoxe, Ribeira entra a formar parte do circuíto dos principais ciclos de música que se programan en Galicia, xunto con cidades coma Ferrol, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela, ou vilas coma Mondoñedo, Sobrado dos Monxes, Vilagarcía de Arousa e Ponteareas».
González rematou a súa intervención dándolle os parabéns á OSG: «Baixo a batuta do mestre Roberto González-Monjas, confirmouse coma unha das formacións mais prestixiosas de España, recoñecida no Estado e no estranxeiro pola súa excelencia musical e contribución ao panorama cultural: é un verdadeiro tesouro».