Natividade González e Sol Agra inauguraron na Pobra do Caramiñal a exposición itinerante do XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo
A Casa da cultura Raquel Soler, da Pobra do Caramiñal, acolleu esta mañá a inauguración da exposición itinerante do XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo, nun acto que presentaron as deputadas de Cultura, Natividade González, e de Lingua e Igualdade, Sol Agra, acompañadas pola concelleira local de Cultura, Patricia Lojo.
«O Certame de Arte Isaac Díaz Pardo», dixo González, «é non só nun dos premios máis importantes dos que convoca a Deputación da Coruña, senón un referente no apoio á creación artística en todo o país e mesmo alén do noso territorio, desde onde chegan cada ano propostas que prestixian este punto de encontro».
Para González, «a cultura é un dereito, como xa vén demostrando o BNG desde hai anos no departamento de Cultura da Deputación. E é un dereito accesible en todos os concellos e para todas as persoas; por iso esta mostra poderá verse, ao longo de 2024, en Ames, Cee, Culleredo, Narón, Noia, Ortigueira, Outes, Porto do Son e Ribeira, ademais de na Pobra».
A deputada do BNG puxo en valor a Díaz Pardo, «unha figura titánica na cultura do noso país: pintor, ceramista, deseñador, editor, xornalista e escritor», e salientou a presencia de mulleres —10, de 17 artistas— «nunha exposición que recolle moitas das disciplinas da arte, coma a videocreación, as instalacións audiovisuais, a fotografía, a escultura ou o gravado».
A mostra poderá visitarse ata o 28 de maio e logo continuará a súa itinerancia por outras nove localidades da provincia: O Milladoiro (na Casa da Cultura, do 30 de maio ao 18 de xuño), Narón (no Pazo da Cultura, do 20 de xuño ao 9 de xullo), Ortigueira (no Claustro do Concello, do 1 ao 20 de agosto), Culleredo (na Aula da Natureza, do 22 de agosto ao 10 de setembro), Noia (no Casino, do 12 de setembro ao 1 de outubro), Outes (na Casa da Cultura, do 3 ao 22 de outubro), Ribeira (no Centro Lustres Rivas, do 24 de outubro ao 12 de novembro), Porto do Son (na Casa da Cultura, do 14 de novembro ao 3 de decembro) e Cee (na Casa da Cultura, do 4 ao 19 de decembro).