CELEBRARASE O 16 DE MARZO NO TEATRO COLÓN, CONDUCIDA POLA ACTRIZ SABELA ARÁN

Natividade González: «A gala dos premios da Deputación é un compromiso renovado co apoio da institución provincial ás artes e á cultura»

Natividade González, na presentación dos certames da Deputación, esta mañá no Teatro Colón
Natividade González, na presentación dos certames da Deputación, esta mañá no Teatro Colón
«Esta gala», dixo a deputada de Cultura na presentación da velada, esta mañá no Teatro Colón, «é a celebración do traballo colectivo e individual de creadores e creadoras, pois estes premios non só recoñecen o talento de cada un, senón que tamén impulsan o desenvolvemento cultural e artístico do país».
Natividade González: «A gala dos premios da Deputación é un compromiso renovado co apoio da institución provincial ás artes e á cultura»

Natividade González presentou, esta mañá  no Teatro Colón da Coruña, a terceira edición da gala dos certames culturais que convoca a Deputación e que se celebrará o 16 de marzo nese teatro, de titularidade provincial. Acompañárona a condutora da velada, a actriz Sabela Arán, e a poeta e cantante Lucía Aldao, de Aldaolado, un dos dous nomes, canda Satélite Salitre, que lle poñerán música á noite.

«Esta gala», dixo a deputada de Cultura na súa intervención, «é a celebración do traballo colectivo e individual de creadores e creadoras, pois estes premios non só recoñecen o talento de cada un, senón que tamén impulsan o desenvolvemento cultural e artístico do país». «Pero, ademais», engadiu, «esta gala é un compromiso renovado co apoio da Deputación da Coruña ás artes e á cultura».

González explicou a importancia dos certames que convoca a Deputación. «O talento da nosa provincia e do país está máis que demostrado, e estes premios representan, en moitos dos casos, unha excelente plataforma para que artistas e creadores e creadoras emerxentes teñan recoñecemento e apoio, que devolven á sociedade en forma de enriquecemento do panorama cultural, cun grande impacto, pois promoven a innovación, a expresión creativa e o intercambio cultural».

Tamén se referiu á labor do seu departamento a prol da creatividade. «O apoio activo a creadores e creadoras é dunha liña de traballo prioritaria que o noso departamento vén desenvolvendo desde hai anos, con iniciativas sólidas e estables coma estes premios culturais, pero tamén con outras como as Residencias Artísticas Mariñán ou o Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia».

A deputada do BNG convidou «a formar parte desta cita, nunha noite onde podernos reunir para render esta homenaxe, onde cada premio outorgado representa un fito na viaxe das creadoras e os creadores; por iso o público e a propia administración poderemos agradecer ese esforzo nunha gala chea de emocións, inspiración e orgullo por todo o logrado no ambito cultural».

González rematou a súa intervención trasladando o agracedemento do seu departamento «a todos os participantes e tamén ás persoas que traballan para levar a cabo esta gala, nomeadamente, a Sísmica Creativa e tamén á escultora Soledad Penalta, encargada de elaborar os premios coas súas mans». 

Os premiados
    • César Cequeliños, Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega.
    • Anna María Blasco e  Jesús María Antón, Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua castelá.
    • Alberto Ramos, Premio Rafael Dieste de teatro.
    • Paula Mayor, Premio Castelao de banda deseñada, na modalidade xeral.
    • Cristian Fojón, Premio Castelao de banda deseñada, na modalidade LIX.
    • Berio Molina, Certame Isaac Díaz Pardo de artes plásticas.
    • Juan Carlos Escudero, Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica.
    • Francisco J. Reyes, Premio Luis Ksado de creación fotográfica.
    • Rafael Fernández, Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.
    • Eduardo Soutullo, Premio Andrés Gaos de composición musical.
    • Satélite Salitre, Concurso Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais.
    • Blanca Paula Rodríguez, Premio Manuel Murguía de ensaio.
    • Luz Fandiño, Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, galardón á traxectoria.
    • A Morada Nosa, sociedade cooperativa, Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, galardón á iniciativa.

As entradas poderanse retirar, de balde, na billeteira do Colón desde as 18.30, media hora antes do comezo da gala.

Natividade González: «A gala dos premios da Deputación é un compromiso renovado co apoio da institución provincial ás artes e á cultura»