Natividade González defende o modelo cultural do BNG na Deputación como «vangarda dunha cultura que coida, concilia e tece redes de apoio e convivencia»
«O modelo cultural do BNG na Deputación da Coruña é vangarda dunha cultura que coida, concilia, tece redes de apoio e convivencia e que, en definitiva, mellora a vida das persoas e reforza o sentimento de comunidade». Afirmouno Natividade González durante a presentación, esta mañá no Museo do Pobo Galego, do libro A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura, editado polo departamento que dirixe a deputada.
Foi durante o programa do 'X Encontro Cultura e Cidadanía' do Ministerio de Cultura, que se celebra desde onte en Compostela. González estivo acompañada pola investigadora, creadora e xestora cultural, Sabela Mendoza, nunha conversa moderada polo coordinador da publicación, Alberto de Boiro.
«A cultura non é soamente un sector: cultura é identidade, é a nosa forma de relacionarnos e de habitar o planeta; é igualdade, lingua, tradición, memoria... pero, sobre todo, cultura é transformación social», dixo González.
A deputada referiuse tamén ás xornadas d'A cultura é un dereito', un dos proxectos clave da área de cultura provincial: "Levámolas celebrando dende o 2018 no Pazo de Mariñán, abordando cuestións como a igualdade, a inclusión, a proximidade, a sustentabilidade, a promoción de prácticas culturais que van máis aló dos retornos monetarios ou a saúde, que será a temática deste ano«. «O libro A cultura é un dereito: unha visión social da cultura», engadiu, «é o resultado máis tanxible desas xornadas, nunha compilación de textos de persoas con experiencia e coñecemento acreditado, e que en conxunto ofrecen unha visión moi necesaria de por onde debe ir o enfoque das políticas culturais na próxima década».
Durante o coloquio a deputada destacou o cambio de paradigma provocado pola crise de 2008 a 2015. «Pasamos do marco das industrias culturais e do retorno económico, que ocupou durante os anos previos de bonanza económica toda a centralidade do discurso cultural, a un novo marco onde se valora máis o retorno social, a sostibilidade dos proxectos e a súa utilidade para a mellora social das persoas e dos entornos».
En canto á pregunta sobre o desexo para o ecosistema cultural, González respondeu que, no caso galego, son dous: o primeiro, «que o noso talento, creatividade e capacidade creativa e artística conte con políticas culturais públicas que sexan cómplices e aposten por darlle visibilidade e un contexto favorable. Necesitamos unha política cultural de país, seria, solvente, dialogada e planificada». E o segundo, «que nestes anos se consolide unha visión social da cultura e que a centralidade das políticas culturais a ocupe a cidadanía, a través do marco dos dereitos culturais. Gustaríame unha visión da cultura como unha ferramenta para construír unha sociedade mellor».
Tamén se refeiru ao ecosistema cultural español: «Temos que reivindicar o recoñecemento real da diversidade cultural e lingüística do Estado e que ese recoñecemento teña consecuencias prácticas nas políticas culturais do Ministerio e do aparato cultural e comunicativo estatal».
Para pechar a conversa, a deputada dixo que, dentro de 10 anos, imaxina o sector cultural coma «un sector vivo, dinámico, consciente do seu papel en relación á sociedade á que pertence e que teña posibilidades reais de se desenvolver plenamente porque exista un marco, un contexto de políticas públicas, que favoreza ese desenvolvemento».