Natividade González: «Os ciclos que o BNG programa na área de Cultura da Deputación, como o 4x3 Outono, son xa unha referencia na provincia»
Hoxe, cunha última función, nas Pontes, da peza escénica Alma de tigre, da compañía Elefante Elegante, remata por este ano o 4x3 Outono, un dos programas da área provincial de Cultura. Aproveitou a data a titular do departamento, Natividade González, para poñer en valor a acción cultural do grupo do BNG na Deputación, «que vai máis alá de desenvolver só liñas de axudas que favorezan os proxectos e iniciativas dos concellos e das entidades sen fins de lucro, e da celebración de datas sinaladas como o Día do teatro ou a Festa da música». «No noso departamento apostamos», salienta, «pola programación propia e pola organización de ciclos que son xa referencia na provincia, caso do Xullo pop, o Maio jazz ou, neste caso, o 4x3 Outono».
Para explicar a importancia deste útlimo, botou man das cifras a deputada do BNG: «No último trimestre de 2023, o 4x3 Outono levou a 28 localidades do territorio, en 43 citas, doce propostas artísticas: catro escénicas, catro audiovisuais e catro musicais».
O ciclo
No 4x3 Outono 2023, a área de Cultura da Deputación apoiou catro propostas audiovisuais:
• O médico dos pobres, de Federico A. Rioobo, que puido verse en Cabana, Muros, Cee, Oleiros e Noia.
• Lavadoiro, de Ana Amado e Lois Patiño (Ribeira, Porto do Son, Rianxo, Boiro e Ferrol).
• Cardoña, fotos a 7 pesetas, de Carlos Lorenzo (Cambre, Muros, Neda, Vimianzo e Betanzos).
• Doxandéem, de Saliou Waa Gendoum Sarr (Ferrol, A Coruña, Santiago, Ordes e Ribeira).
Outras catro propostas musicais:
• Os concertos da Orquestra de Cámara Galega en Ortigueira, Carballo e Ribeira.
• Os da xira ‘Haydn en Guláns’, de Fisión Atlántica Esemble, en Cee, As Pontes e Ribeira.
• E os da xira ‘Galicia nas veas’, da orquestra e do coro Gaos, en Padrón, Betanzos e Ferrol.
• E os da xira ‘100 voltas’, de Verónica Codesal, en Cedeira, Vedra, Oleiros e Arzúa.
E tamén catro propostas escénicas:
• A función, na Coruña, de Eurovisión: o fake show, texto de Lixo Braxe e montaxe de Bucanaro Teatro e de Manarte Producións.
• As de Relato para un incendio, con texto de Ernesto Is e montaxe de aAntena, en Oroso, Ordes e Carballo.
• As de Alma de tigre, de Elefante Elegante, en Carballo e As Pontes.
• E as de Apaga o candil, con texto de Candido Pazó e montaxe de Contraproducións e o FIOT, en Ames, Cariño, Cedeira e Outes.