Natividade González: «O ámbito dos festivais é un dos que máis está a centrar as políticas de fomento da área de Cultura da Deputación da Coruña nos últimos anos»
«O ámbito dos festivais é un dos que, no cuantitativo e no cualitativo, máis está a centrar as políticas de fomento da área de Cultura da Deputación da Coruña nos últimos anos, atendendo de xeito específico á súa realidade, con liñas de subvencións personalizadas, criterios claros e transparentes e permanente diálogo coas entidades interlocutoras dos diferentes sectores».
Foi a primeira valoración que a titular de Cultura fixo hoxe logo da publicación no BOP da concesión definitiva —por 535 304 euros, a repartir entre 23 beneficarios— das subvencións a concellos e entidades locais para o desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas na provincia da Coruña en 2024.
«Este apoio», explica González, «permitiu que, en catro anos, as cantidades económicas que reciben moitos dos festivais por parte da Deputación se duplicasen ou triplicasen, contribuíndo de forma clara á mellora da calidade das programacións e, sobre todo, á mellora das condicións sociolaborais e organizativas dos eventos subvencionados».
Para que a Deputación poida manter o nivel de apoio que vén dando aos festivais de artes escénicas, cinema e música da provincia, «o futuro esixe avanzar da man dos propios eventos na procura dunha maior estabilidade orzamentaria, dun maior equilibrio nas axudas recibidas por parte das diferentes administracións e dunha comprensión e asunción das problemáticas que presenta a propia evolución do sistema de festivais, que medraron en número e orzamentos nos últimos anos», afirma a deputada.