María Muíño: “O 8M é unha data para a reflexión e que nos permite afirmar, á luz dos datos, que non hai igualdade”
A responsable provincial de Igualdade, María Muíño, encabezou esta mañá o acto institucional do 8M da Deputación da Coruña, co que dá inicio a campaña ‘Mobilizadxs xti’, e que tivo lugar no hall do Teatro Colón. Precisamente nun lateral do edificio, permanece colgada unha gran lona coa imaxe da campaña que inclúe algúns dos datos máis relevantes que dan conta da situación de desigualdade que sofre actualmente a muller galega: o 73% do emprego que se perdeu en Galiza foi entre mulleres; e o 87% das persoas inactivas por coidados en Galiza son mulleres.
Neste contexto, Muíño cualificou o 8 de marzo como “unha data para a reflexión, unha data para tomar conciencia da realidade das barreiras e desigualdades que aínda permanecen, e que nos permiten afirmar á luz dos datos que non hai igualdade”. A deputada explicou, durante a súa intervención, que “se algo voltou constatar a crise sanitaria é que cada vez que nos toca enfrontarnos a unha etapa de crise, sexa cal sexa a orixe, as mulleres sabemos que as consecuencias van ser brutais para nós, entre outras cousas porque xa partimos dunha situación de desvantaxe”.
"O que comezou sendo unha crise sanitaria", reflexionou, “tornouse en crise económica e nos castigou por partida dupla: a sanitaria obrigounos a facernos cargo de menores e persoas dependentes cando se decretou o confinamento e o peche de actividades (o 77,3% das excedencias por coidado de dependentes foron mulleres; o 91,6% das persoas que se acolleron a unha excedencia por coidado de fillos e fillas foron mulleres) e a económica trouxo consigo unha maior perda de empregos e, polo tanto, tamén unha maior vulnerabilidade e un impacto nas cotización e nas futuras pensións”.
As reivindicacións
“Para superar este marco non só hai que cumprir a lexislación que temos aprobada, que é necesaria, senón que tamén é necesario que se nos escoite, que non se usen as datas para cubrir expedientes e saír na foto, teñen que existir compromisos reais,” reivindicou María Muíño. "Precisamos", engadiu, "lexislacións laborais que poñan fin á precariedade, á temporalidade, que acaben coa feminización da pobreza, que nos permita conciliar, gozar da maternidade e tamén do noso tempo libre; queremos unha educación pública de calidade e non sexista, en que a igualdade e a diversidade sexan eixos centrais de todos os curriculos, materias e actividades; que se poñan en marcha medidas que nos permitan vivir e traballar no medio rural e, por suposto, queremos unha vida sen violencias, sen trata, e que todos os recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos se coloquen ao servizo de garantir este dereito básico”.
‘Mobilizadxs xti’
A campaña ‘Mobilizadxs xti’, que durará todo o mes de marzo, ten por obxectivo principal difundir a realidade da muller actual, baseándose nas cifras desfavorables en cuestións como a fenda salarial, na precarización laboral ou no ámbito da conciliación e dos coidados.
Ao longo de todo o mes, difundiranse 10 vídeos a través das redes sociais, nos que varias persoas partillarán experiencias vividas. Participan cos seus testemuños Ani Ulloa, presidenta da Asociación de Empresarias da Coruña; Ximena Romero, técnica xurídica Inusvalia; Loló Galiana, xubilada da banca e empresaria; Blanca Laffon, catedrática da UDC e investigadora do CICA; cooperativistas de Mulleres Colleiteiras Cooperativa Galega; Vanesa Filgueiras, usuaria da Asociación Teima Down Ferrol; Marta R. Boo, presidenta da Asociación de Estudos Laborais Feministas; Eva Ovenza, técnica de Políticas de Igualdade da Deputación; Jonatan Pérez, avogado e contas da Axencia Idea Creatividad; e Antonio Rodríguez, deseñador gráfico e creativo en Idea Creatividad.
No acto institucional desta mañá tamén participaron a poeta Estíbaliz Espinosa e a pianista Isabel Gómez Alonso, así como alumnado do Conservatorio de Danza cunha coreografía de Armando Marten.