"Lingua a escena", unha oportunidade para os concellos
Os concellos poderán facer as solicitudes de contratación do 27 de febreiro ao 13 de marzo.
A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deptuación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, anima os concellos a contratar as propostas do programa Lingua a escena da Rede Cultural, que duplica este ano o seu catálogo. O circuito que ten como obxectivo prioritario a normalización da lingua galega desde propostas culturais. Máis de vinte espectáculos forman parte do catálogo Lingua a escena que inclúe propostas de teatro, narración oral, música ou monicreques que compoñen o abano ao que poderán optar os concellos dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Con espectáculos especializados en promover o uso da lingua presentáronse compañías e artistas como Boabab Teatro, Raquel Queizás, Os Quinquilláns, A Xanela do Maxín, Zenzar, Xarope Tulú, Martín Camiña, Fani Triana, Talía Teatro, Lydia Botana, Volta e Dálle ou Avelino González.
Os concellos poderán solicitar do 27 de febreiro ao 13 de marzo os espectáculos da Rede Cultural nos que, por segunda edición consecutiva se inclúe o programa Lingua a escena, para animar o uso do galego na poboación, de maneira especial na máis nova, desde propostas culturais. "Con este programa queremos contribuír á promoción da nosa lingua e a eliminación de prexuizos con espectáculos que van máis alá de se expresaren en galego xa que teñen precisamente como tema central animar ao uso do galego", destaca a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.
Pódense consultar os espectáculos da Rede Cultural na seguinte ligazón: https://www.dacoruna.gal/dicoruna-subtel/redcultural/espectaculos.