Natividade González pon en valor o investimento de 753 000 euros co que a Deputación contribuirá aos gastos de persoal técnico nos servizos municipais de cultura en 2024
Natividade González, valorou esta mañá o investimento de 752 863 euros co que o seu departamento contribuirá neste exercicio a financiar os gastos de persoal técnico nos servizos de cultura dos concellos e outras entidades locais. «Con esta liña de subvencións», explica a deputada, «o BNG quere seguir contribuíndo desde a área provincial de Cultura, a definir un marco que sirva para cumprir con dous obxectivos: dun lado, ao mantemento e á mellora no recoñecemento do perfil profesional nos postos de traballo xa existentes nos concellos. Doutro, a definir requisitos, coñecementos formativos, funcións e categorías profesionais para aqueles casos nos que os concellos procedan á creación de novos postos de traballo.
«E facémolo sempre», engadiu, «desde o necesario respecto á autonomía municipal á hora de desenvolver os procedementos de contratación. Deste xeito, axudamos a que as entidades da provincia acaden os obxectivos que lles son propios e a fomentar a participación da cidadanía nos distintos ámbitos de actuación, así coma a promover a igualdade de xénero».
En 2024 serán 63 os beneficiarios das axudas, que recibirán entre 6666 e 18 750 € para o mantemento tanto dos postos de traballo de técnicas e técnicos en xestión cultural coma en animación sociocultural.