CELEBRARASE O 10 DE FEBREIRO NO TEATRO COLÓN DA CORUÑA

Xurxo Couto: «A gala dos premios culturais da Deputación é un dos maiores encontros do ano e recoñece o gran talento dos nosos creadores e creadoras»

Cartel da gala de premios culturais da Deputación
Cartel da gala de premios culturais da Deputación

Comezará ás 19 horas, con entrada de balde ata completar aforo, e reunirá as doce persoas e entidades premiadas nos certames Torrente Ballester de narrativa, Raíña Lupa de literatura xuvenil, Miguel Garcés de poesía, Castelao de banda deseñada, Luís Ksado de fotografía, Antón Fraguas de artesanía, Narf de música, Jesús Núñez de arte gráfica e Begoña Caamaño de acción cultural pola igualdade.

Xurxo Couto: «A gala dos premios culturais da Deputación é un dos maiores encontros do ano e recoñece o gran talento dos nosos creadores e creadoras»

O Teatro Colón da Coruña acollerá o vindeiro 10 de febreiro, ás 19 horas, a gala de entrega dos nove certames culturais que a Deputación convocou e outorgou en 2022. Recollerán o seu galardón unha ducia de persoas e entidades, nunha velada que recuperará a escenografía do pasado ano e que estaba especialmente deseñada a partires da idea de simbolizar a luz que a cultura, a través de diversas manifestacións artísticas, aporta á sociedade.

Aberta ao público en xeral, con asistencia de balde ata completar capacidade, estará conducida pola xornalista Marga Pazos e contará coa actuación da contadora Carmen Conde e coa música de Antía Muíño. Ademais dos premiados e premiadas, tamén se espera que asistan as persoas que participaron de xeito directo no desenvolvemento dos certames, en calidade de xurados, comisariados e comisións lectoras.

«Esta entrega de premios», salienta o responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, «é un dos maiores encontros culturais do ano, non só polo recoñecemento ao talento dos creadores e creadoras do noso tempo senón tamén porque implica a unha gran diversidade de disciplinas artísticas».

Os galardonados e galardonadas recibirán a escultura creada pola artista Soledad Penalta para a Deputación da Coruña: un 'C' realizado en aceiro que representa o 'C' de Cultura e o 'C' da Coruña, termado na base por siluetas que representan a xente que sostén e que eleva a cultura.

Relación de premios e persoas e entidades premiadas

  • Premio Torrente Ballester de narrativa en galego: Amador Castro
  • Premio González Garcés de poesía: Yolanda Castaño
  • Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil: Lois Pérez
  • Premio Luís Ksado de creación fotográfica: Brais Lorenzo
  • Premio Castelao de banda deseñada: Siqi Luis Yang (debuxante) e Uxía Larrosa Villanueva (guionista), na modalidade xeral; e Francisco Pérez Villanueva, na modalidade LIX
  • Premio Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais: Mallou
  • Premio Antón Fraguas de artesanía: Carmen Riveiro, na modalidade tradicional, e Verónica Moar, na modalidade contemporánea
  • Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica: Myriam Gesalaga Eizagirre
  • Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero: Federación galega de redeiras artesás O Peirao, na modalidade traxectoria; e grupo de traballo Igualdade e Xénero ANPA do CEIP de Barouta, na modalidade iniciativa
Xurxo Couto: «A gala dos premios culturais da Deputación é un dos maiores encontros do ano e recoñece o gran talento dos nosos creadores e creadoras»