CADA PROXECTO APROBADO CONTARÁ CUN ORZAMENTO MÁXIMO DE 12.500 EUROS
O ‘Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza’ abre o prazo de presentación de solicitudes
O ‘Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22’ arranca formalmente a súa andaina coa apertura do prazo para presentar solicitudes, que permanecerá aberto durante un mes. Trátase da primeira das iniciativas que pon en marcha a área de Cultura da Deputación da Coruña e coa que abre unha nova liña de traballo que ten o Reino de Galiza e a difusión da historia medieval galega como eixo central.
Desde que a comezos de ano se fixera pública a creación deste Fondo, no servizo de Cultura da Deputación recibíronse un gran número de consultas sobre esta nova convocatoria o que, en palabras do deputado de Cultura, Xurxo Couto “evidencia a existencia previa dun gran interese en desenvolver iniciativas relacionadas coa nosa historia medieval e que, tal e como xa tiñamos detectado, precisan dunha canle de apoio para ver a luz”. Precisamente atendendo ao número e á tipoloxía de consultas recibidas, Xurxo Couto sinalou que o seu departamento “espera que esta primeira edición do Fondo arranque xa cunha diversidade de proxectos significativa, e que contribúa a poñer en valor a historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galiza”.
O ‘Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22’ conta cunha dotación orzamentaria de 250.000 euros para desenvolver proxectos en todo tipo de soportes e formatos, desde libros e discos ata 'merchandising', intervencións de cultura urbana, contidos para canles de redes sociais ou produtos vinculados á cultura pop. Esta convocatoria está especificamente destinada a empresas e persoas autónomas e de todas as propostas presentadas, seleccionaranse un total de 20 proxectos que recibirán unha cuantía máxima de 12.500 euros cada un.
O Fondo terá contunidade con novas iniciativas relacionadas coa historia medieval de Galiza, que se desenvolverán tanto ao longo de 2022 como en vindeiros anos. A filosofía desta liña de traballo é, tal e como indicara Xurxo Couto durante a presentación do Fondo, “socializar unha das etapas máis relevantes e tamén unha das menos estudadas da nosa historia social e política”. “A sociedade galega actual precisa coñecer o seu pasado para comprenderse mellor na actualidade e poderse pensar con máis capacidade cara o futuro”, explicou.
As solicitudes para esta convocatoria, que sae hoxe publicada no BOP, deberán realizarase por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación provincial da Coruña https://sede.dacoruna.gal/