ESTARÁ ABERTA DESDE O 20 DE XANEIRO AO 8 DE MARZO

A exposición itinerante do XV Premio Luís Ksado de creación fotográfica chega ao Centro Cívico Cultural de Arteixo

Couto, na inauguración da mostra do XV Premio Luís Casado no Museo do Pobo Galego
Couto, na inauguración da mostra do XV Premio Luís Ksado no Museo do Pobo Galego

O deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, salienta a “profesionalidade e calidade incuestionable dos premiados e das obras, unha colección de imaxes que, cunha poderosa narrativa visual, fomentan a reflexión pois miran desde a crítica e a denuncia, pero tamén con sensibilidade e respecto". Logo do seu paso por Arteixo, a mostra poderá visitarse en Ortigueira, A Pobra do Caramiñal, Outes, Ferrol, Arzúa, Carballo e Narón.

A exposición itinerante do XV Premio Luís Ksado de creación fotográfica chega ao Centro Cívico Cultural de Arteixo

A exposición itinerante do XV Premio Luís Ksado de fotografía, unha das apostas anuais máis importantes do departamento de Cultura da Deputación da Coruña pola creación artística, chega este xoves ao Centro Cívico de Arteixo, onde poderá visitarse ata o 8 de marzo. Logo de pasar tamén polo Museo do Pobo Galego e polo o Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira, a mostra do certame, do que é comisario, un ano máis, Xurxo Lobato, continuará o seu percorrido por outras 7 localidades da provincia: Ortigueira (do 10 ao 27 de marzo), A Pobra do Caramiñal (do 29 de marzo ao 19 de abril), Outes (do 21 de abril ao 10 de maio), Ferrol (do 12 ao 31 de maio) e Arzúa (do 23 de xuño ao 18 de xullo), ademais de Carballo e Narón, concellos que aínda non confirmaron data.

Ademais da colección presentada polo gañador, o leonés José Manuel López, o público poderá gozar dos traballos dos outros seis finalistas: o ourensán Brais Lorenzo, o coruñés Jesús Caballero, os santiagueses Miguel Gómez Muñiz e Jesús Madriñán, o madrileño Javier Atienza e o pamplonés Clemente Bernard.

Á hora de valorar a mostra, o responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, salientou a “profesionalidade e calidade incuestionable dos premiados, patente nunha colección de imaxes que, cunha poderosa narrativa visual, fomentan a reflexión pois miran desde a crítica e a denuncia, pero tamén con sensibilidade e respecto, para tratar temas de actualidade que contan historias ás veces dramáticas pero ante as que non podemos nin debemos mirar para outro lado."

Couto referiuse ao Premio Luís Ksado como “un dos piares dos certames que organiza a Deputación e un dos que máis interese desperta entre o público de todas as vilas, pobos e cidades da provincia nos que fai parada, xa non só pola exposición das obras seleccionadas, senón polas actividades relacionadas co premio, caso dos obradoiros, as homenaxes e mesmo da edición do catálogo das fotografías premias en cada edición”. Este ano o Luís Casado recoñeceu a figura do carralés José Gestal, Cardoña, testemuña senlleira da comarca das Mariñas e das súas xentes entre as décadas de 1940 e 1980 e a quen a Deputación nomeou en outubro ‘fotógrafo histórico’, e organizou clases maxistrais impartidas por Tino Soriano, da revista National Geographic; Lúa Ribeira, da axencia Magnum, e do gañador desta edición, José Manuel López.

A mostra itinerante está formada por Atrapados ás portas de Europa, de José Manuel López, unha colección de imaxes que crean un relato visual sobre a viaxe das persoas refuxiadas a través das montañas de Bosnia; Tempos de pandemia, de Brais Lorenzo, un traballo documental que resume, en clave galega, a crise sanitaria, económica e social que cambiou o modo de vida en todo o planeta desde  primeiros de 2020; Horizonte de area, de Javier Atienza sobre o exilio do pobo saharauí; Morrer de soños, de Clemente Bernard, sobre os desaparecidos na Guerra Civil; Estrada descoñecida, de Jesús Caballero, sobre as paisaxes da decadencia e o abandono; Segunda pel, de Miguel Gómez Muñiz, unha serie de retratos que relacionan o ámbito profesional e privado das mulleres mariscadoras; e A esmorga, de Jesús Madriñán, centrada no universo da mocidade de festa na madrugada.

A exposición itinerante do XV Premio Luís Ksado de creación fotográfica chega ao Centro Cívico Cultural de Arteixo