30 EMPRESAS, ASOCIACIÓNS SECTORIAIS E FUNDACIÓNS CONTAN CON APOIO DA DEPUTACIÓN PARA ACUDIR Á FEIRA

Xurxo Couto: "No Culturgal apoiaremos a presenza das empresas culturais da provincia e poñeremos en valor o talento dos nosos creadores e das nosas creadoras"

O deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto
O deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto

A Culturgal 2021, que se celebrará os días 27 e 28 de novembro no recinto feiral de Pontevedra, é en palabras do deputado de Cultura, Xurxo Couto "a cita por excelencia do tecido cultural profesional en Galiza e a Deputación da Coruña, como vén facendo nos últimos anos, volve ter unha participación activa no seu desenvolvemento". Os gañadores e gañadora dos premios Torrente Ballester, González Garcés, Raíña Lupa e Castelao, que organiza a institución provincial, falarán o sábado das súas obras.

Xurxo Couto: "No Culturgal apoiaremos a presenza das empresas culturais da provincia e poñeremos en valor o talento dos nosos creadores e das nosas creadoras"

"Tras a edición tan especial do pasado ano, que se sustentou a través de canles en liña, este ano volvemos á presencialidade co ánimo de recuperar o contacto co público, poñer en valor o talento dos creadores e das creadoras galegas e facendo todo o posible por apoiar a presenza das empresas culturais da provincia nesta feira", comentou o deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, sobre a participación da Deputación da Coruña na Culturgal 2021, que se celebra os días 27 e 28 de novembro no recinto ferial de Pontevedra.

"O que conseguimos con esta convocatoria", explicou Couto, "é ofrecer un apoio efectivo á promoción das empresas culturais no que, a día de hoxe, é o gran escaparate da cultura galega e no que se congrega tanto o sector profesional como os axentes culturais e o público consumidor de cultura".

Son 30 as empresas, asociacións sectoriais e fundacións que contan con apoio da Deputación para ter presenza na Culturgal. A través da convocatoria específica da área de Cultura, cada unha destas empresas contará cunha caseta financiada directamente polo ente provincial baixo a marca 'A Cultura é un Dereito'. Entre esas empresas cóntanse librarías, editoriais, produtoras, compañías de teatro, asociacións sectoriais e fundacións como a Eduardo Pondal e a Rosalía de Castro. Ademais, a Deputación tamén colabora directamente coa Asociación Culturgal asumindo o financiamento directo do espazo no que se ofrecerá o servizo de bebeteca para o público máis novo da feira , de 0 a 3 anos.

Actividades

A área provincial de Cultura promove actividades propias, ao tempo que financia casetas para empresas, asociacións sectoriais e fundacións da provincia, e colabora coa propia Asociación Culturgal financiando o espazo no que se ofrece o servizo de bebeteca para o público máis novo da feira.

As actividades propias terán lugar na xornada do sábado e a primeira será un concerto de Koroiev ás 13.15 horas, no Auditorio. Koroiev é un proxecto de "electrónica onírica" en solitario do ferrolán Roberto Casteleiro, finalista na pasada edición do Premio Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais. Koroiev sacou a finais do 2019, co selo Ferror Records, o disco "Valverde", que xoga a crear unha xeografía mítica do Máis Alá partindo das lendas atlánticas das cidades asolagadas.

Tamén o sábado pola mañá, ás 13.45, no Espazo Libro, a Deputación presentará a actividade "Lecturas comentadas", na que participarán os gañadores da edición 2020 dos certames literarios: Daniel Asorey, gañador ex-aequo do Premio González Garcés; Xosé Ricardo Losada Vicente, gañador do Premio Torrente Ballester en galego; e Xosé A. Neira Cruz, gañador do premio Raíña Lupa.

No mesmo día pola tarde, ás 18.30 e tamén no Espazo Libro, será a quenda dos gañadores dos Premios Castelao de banda deseñada 2020: Begoña García-Alén González, gañadora na modalidade xeral, e Andrés Magán Zamorano, gañador na modalidade dirixida ao público infantil e xuvenil. Ambas presentacións contarán coa presenza de Couto.

Xurxo Couto: "No Culturgal apoiaremos a presenza das empresas culturais da provincia e poñeremos en valor o talento dos nosos creadores e das nosas creadoras"