A Deputación destina este ano 275.000 euros para apoiar proxectos de especial relevancia social e cultural

O responsable do departamento de Cultura da Deputación, Xurxo Couto
O responsable do departamento de Cultura da Deputación, Xurxo Couto
Para o responsable do departamento provincial de Cultura, Xurxo Couto, “a existencia dun tecido cultural privado, que ofreza contidos de calidade e de interese en lingua galega, e capaz de gañar músculo, solvencia, autonomía e capacidade de ser rendíbel, resulta fundamental para o desenvolvemento cultural normalizado do noso país e esixe da posta en marcha de políticas de apoio desde o ámbito público”. 
A Deputación destina este ano 275.000 euros para apoiar proxectos de especial relevancia social e cultural

A Deputación da Coruña apoia este ano con 275.000 euros as iniciativas de artistas ou empresas que, no ámbito do tecido social e cultural privado, acheguen enfoques e prácticas de alto interese pola súa natureza innovadora, experimental, relacional ou social. O prazo de presentación de solicitudes rematará ás 14 horas do vindeiro 15 de marzo, e os beneficiarios poderán recibir un mínimo de 3.000 € e un máximo 30.000.

As propostas deberán abordar, sempre desde o ámbito da cultura, temáticas como a cohesión e integración social, a defensa das diversidades e a convivencia intercultural, a sensibilización medioambiental, o traballo en favor da igualdade, a integración de persoas con diversidade funcional, a educación en valores, o desenvolvemento territorial, a recuperación demográfica ou a revitalización das identidades comunitarias a través do seu patrimonio material e inmaterial común.

Para o responsable do departamento provincial de Cultura, Xurxo Couto, “a existencia dun tecido cultural privado, que ofreza contidos de calidade e de interese en lingua galega, e capaz de gañar músculo, solvencia, autonomía e capacidade de ser rendíbel, resulta fundamental para o desenvolvemento cultural normalizado do noso país e esixe da posta en marcha de políticas de apoio desde o ámbito público”. 

Neste sentido, estás subvencións contribúen, en palabras de Couto, “a facer da galega unha sociedade capaz de xerar contidos e discurso cultural propio, de seu, facendo visible a nosa identidade a través dunha produción cultural autónoma, e no noso idioma”.

Esta convocatoria vén complementar as subencións da Deputación da Coruña a concellos e entidades non lucrativas do eido da cultura. Desde 2018, o ano no que a institución provincial puxo en marcha esta liña de axudas, preto de 100 proxectos culturais foron subvencionados cunha dotación orzamentaria que acada case o millón de euros: en 2018, 214.533 € para 18 proxectos; en 2019, 137.504 € para 16 proxectos; en 2020: 250.349 € para 21 proxectos; e en 2021, 360.077 euros para 30 proxectos. As propostas presentadas van da música, a danza e o teatro a outros programas de tipo interactivo e transmedia (exposicións, obradoiros ou proxectos audiovisuais).

As bases da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 28 de xaneiro de 2022, tamén accesible nesta ligazón: https://bit.ly/3GEtqfg

A Deputación destina este ano 275.000 euros para apoiar proxectos de especial relevancia social e cultural