A Deputación celebrará no Festiletras o Día da provincia cun concerto de Baiuca e a pintada dun mural de Mutante Creativo na aldea do Couto
O vicepresidente e responsable de Turismo, Xosé Regueira, salientou a relevancia da cita, “que forma parte verdadeira do patrimonio inmaterial non só do territorio da Costa da Morte, senón de toda Galiza”. “O público e os visitantes que se acheguen ao Couto poderán ademais coñecer os proxectos que estamos a desenvolver desde a área de Turismo no territorio da Costa da Morte e, nomeadamente, en Ponteceso, caso do Plan do Megalitismo”.
Un ano máis, a Deputación da Coruña volve colaborar coa Fundación Pondal na organización do Festiletras, nunha edición, a cuadraxésima, no que a institución provincial terá especial protagonismo, pois contará cunha xornada reservada no programa, a do sábado 3 de setembro, Día da provincia. A través desta colaboración, a Deputación financia o concerto de Baiuca, unha intervención de arte mural de Mutante Creativo e subidas en globo aerostático para todo o público.
“A Deputación”, salienta o vicepresidente e responsable de Turismo, Xosé Regueira, “desde sempre comprendeu a importancia da cita que acolle O Couto, tanto cando se programaba arredor do 17 de maio, como desde que se pasou a setembro”. “O Festiletras”, engadiu, “non é só unha das festas das letras senlleiras de Galiza e a que se leva celebrando de xeito ininterrompido desde hai máis tempo, corenta anos xa, senón que forma parte verdadeira do patrimonio inmaterial do territorio da Costa da Morte e mesmo de todo o país”.
A Deputación levará tamén ao Couto unha caravana informativa “onde se vai a divulgar a importante labor de fomento que facemos tanto no ámbito cultural, como no dos premios literarios, artísticos e musicais que convoca a institución provincial cada ano, ou no dos festivais e outras actividades programadas a través da Rede Cultural”, en palabras de Regueira. “O público e os visitantes que se acheguen ao Festiletras poderán ademais coñecer os proxectos que estamos a desenvolver desde a área de Turismo no territorio da Costa da Morte e, nomeadamente, en Ponteceso, caso do Plan do Megalitismo”.
Do 1 ao 4 de setembro, a aldea pontecesá ofrecerá un programa que inclúe concertos, obradoiros, contacontos, artesanía ou talleres científicos e literarios. Quico Cadaval, Celso Fernández, Guti, Rodrigo Cuevas, Baiuca, Belem Tajes, Oîma, Zënzar, Xabier Díaz e as Adufeiras, Rosalía Fernández Rial, Mutante Creativo, Cestola na Cachola, Juan Rivas, Rosa Aneiros, Miguel Mato, Suso Lista, Alexandre Nerium, Sabela Fernández, Erica Esmorís, Olaia Sendón e Omar Rabuñal son algúns dos artistas, escritores e divulgadores que participarán nesta edición do Festiletras.
O programa completo do festival pódese consultar na seguinte ligazón: https://bit.ly/3KBsw6Q