Cultura da Deputación volve apoiar a excelencia da música contemporánea de vangarda do festival Resis

Resis, o Festival Internacional de Música Contemporánea da Coruña, chega este ano á súa oitava cita, que volverá contar co patrocinio da Deputación. Presentouse esta mañá na casa do Concello coruñés, nunha rolda de prensa na que interveu Natividade González, quen reafirmou «o firme compromiso» do departamento de Cultura provincial «co apoio a iniciativas que, coma esta, abren camiños para a experimentación, a creación contemporánea e o diálogo entre diferentes disciplinas artísticas».
«O Resis», afirmou, «é moito máis ca un festival de música contemporánea e un dos encontros máis vangardistas e necesarios do panorama cultural galego: é unha plataforma que pon en valor a creación sonora do noso tempo, combinándoa con outras artes vivas, a tecnoloxía e a reflexión sobre o espazo e a sociedade». »Ano tras ano», engadiu, «esta cita reafirma a provincia da Coruña como un epicentro da cultura de vangarda, atraendo artistas de prestixio internacional e dando voz a novos creadores que atopan aquí un lugar para innovar e compartir o seu talento».
Para González, a Deputación «ten a obriga de apoiar proxectos coma o Resis, que non só ofrecen unha programación de altísima calidade, senón que tamén fomentan o acceso á cultura e á educación artística, cunha clara vocación de proximidade e inclusión».