Xurxo Couto: "O ciclo ‘Pioneirxs da música galega’ é unha oportunidade histórica para recuperar a música en galego dos anos 70, cerne do gran momento musical que está a vivir o país"
O ciclo ‘Pioneirxs da música galega’, que conta co apoio do departamento de Cultura da Deputación da Coruña, revivirá, a través de concertos en directo, álbums que marcaron a historia recente da música galega e en galego. Serán recitais únicos que recuperarán repertorios dos anos 1977 e 1978 de discos tan singulares como ‘Pilocha’, da cantora que actúa baixo este mesmo nome artístico, e que se considera o primeiro álbum de jazz-fusión galego, e ‘Ti, Galiza’ de Miro Casabella, un dos primeiros álbums de música de autor en lingua galega. O sábado 12 de febreiro subirá ao escenario Pilocha e o sábado 5 de marzo farao Casabella. As entradas serán de balde previa retirada a través da web do teatro coruñés.
“Esta é unha oportunidade histórica para recuperar, e mesmo coñecer, a música feita en galego na década de 1970, que foi unha etapa crucial nosa música e que, dalgún xeito, supuxo o cerne do gran momento musical que se está vivindo actualmente no país”, asegurou hoxe na presentación do ciclo o deputado de Cultura, Xurxo Couto.
Pilocha e Casabella visitaron esta mañá o escenario no que actuarán, lembraron os comezos das súas carreiras musicais, explicaron que “cantar en galego naquel momento era totalmente reivindicativo” e animaron ao público a asistir e recuperar “cancións que nos acompañan desde entón e que xa forman parte do noso acervo cultural”.