Avia Veira destaca «a importancia revolucionaria do común nun tempo de emerxencia no mundo» na entrega a Manuel Rivas do premio Coruñés do ano, do Circo de Artesáns

O Circo de Artesáns da Coruña entregou hoxe o seu primeiro premio Coruñés do ano a Manuel Rivas, nun acto organizado con gallo do 178º aniversario da entidade para recoñecer a obra dunha personalidade da cidade, e que contou coa participación da deputada provincial do BNG, Avia Veira.
Veira citou o homenaxeado para falar da importancia do común «nun tempo de emerxencia no mundo», e destacou a necesidade de espazos onde compartir, coma os que ofrece o Circo: «Neste tempo de individualismo extremo, o importante é atopar lugares onde pensar e escoitar; lugares onde o común, o encontro e a entrega persoal están no centro para se converter no verdadeiramente revolucionario».
A portavoz do BNG na Deputación da Coruña puxo en valor o traballo do Circo durante os seus case dous séculos de vida: «Falamos dunha entidade senlleira na cultura da cidade, da provincia e do país; a sociedade viva máis antiga de Galiza e un fervedoiro cultural polo que pasaron personalidades como Manuel Murguía, Concepción Arenal, Ortega y Gasset, Miguel de Unamuno, Castelao, Vicente Risco, Emilia Pardo Bazán, Otero Pedrayo, Sofía Casanova e tantas outras». «Por iniciativa súa», engadiu, «construíronse monumentos a persoeiros da noa cultura instalados despois en lugares públicos, e foi berce de institucións benfeitoras; e, ademais, organizou numerosas actividades culturais como exposicións, representacións teatrais, proxeccións e debates».
Para rematar a súa intervención, Veira volveu citar a Rivas: «A poesía sempre foi voz de emerxencia. Estamos nun tempo de alarma, de mayday. A poesía sempre responde a un mayday. Estamos nun tempo de incerteza, nun rumbo de horizontes enfermos. A poesía e o primeiro e o último faro». «Que así sexa e que a túa poesía nos alumee durante moitos anos», desexou.