Animar a creación
A Deputación da Coruña convoca doce premios culturais e destina máis de 150.000 euos aos certames deste ano.
Doce convocatorias e un total de 151.500 euros suman a nova edición de premios culturais da Deputación da Coruña que recoñecerá traxectorias e obras en distintos ámbitos culturais, do literario ao plástico pasando polo ensaístico ou os proxectos feministas.
Manuel Murguía de Ensaio, Fran Pérez Narf para grupos e artistas musicais, Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, Luís Ksado de Creación Fotográfica, Rafael Dieste de Textos Teatrais, Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas, Castelao de Banda Deseñada, Andrés Gaos de Composición Musical e Jesús Núñez de Arte Gráfica ademais do Quero Cantar de Música Infantil e Xuvenil e o Premio Begoña Caamaño de Acción Cultural pola Igualdade de Xénero son os premios que se convocan neste ano 2019 desde a área de Cultura.
"Os premios culturais promovidos desde a área de Cultura da Deputación da Coruña teñen como obxectivo promover e premiar creación cunhas convocatorias que buscan tamén converterse en eventos culturais, arredor dos que xiran actividades de promoción e difusión dos distintos ámbitos", sinala Goretti Sanmartín, responsábel da Área de Cultura e vicepresidenta da Deputación da Coruña. "Ademais dos premios económicos, estas convocatorias naceron para contribuír a difundir a creación cultural e, desta maneira, nas últimas edicións incorporáronse melloras para que as obras gañadoras chegaran ao público, por medio de presentacións e outras actividades de divulgación", explica Goretti Sanmartín.
Pódense consultar as bases dos premios na seguinte ligazón: http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2019/03/15/bop_52.pdf