A DEPUTACIÓN ACHEGARÁ 500 000 EUROS PARA A PROGRAMACIÓN DO IMCE E PARA O MANTEMENTO DO TEATRO
Natividade González: «Coa ampliación do convenio entre a Deputación e o Concello da Coruña para a xestión do Teatro Colón seguimos garantindo o acceso á cultura de toda a cidadanía»
A Deputación e o Concello da Coruña decidiron ampliar ata finais de decembro de 2024 o convenio para a xestión do Teatro Colón. A deputada de Cultura, Natividade González, e o concelleiro de Fomento e Promoción, Gonzalo Castro, asinaron o acordo esta mañá na sede provincial.
A Deputación achegará 500 000 euros, dos que 350 000 dedicaranse a financiar os custos da programación do Instituto Municipal Coruña Espectáculos, adscrito ó Concello, e outros 150 000, ó mantemento do teatro.
«Coa ampliación do convenio», explicou González, «seguimos garantindo o acceso á cultura de toda a cidadanía e que o Teatro Colón continúe sendo un referente no país». «Ademais», engadiu, «como xa viña facendo, o noso departamento poderá utilizar a instalación, en determinados días, para a realización de actividades propias; ou mesmo cederlle o espazo ós concellos da provincia e ás entidades sen ánimo de lucro».
O acordo mantén, en palabras, da titular de Cultura, «o obxectivo de xestionar, promocionar e realizar todos aqueles programas específicos ligados ao mundo do espectáculo e de animación cultural que poidan dinamizar a oferta cultural do territorio».