A Xunta pro Devolución propón que o Pazo de Meirás sexa un centro de memoria histórica
A Xunta pro Devolución propón que o Pazo de Meirás inclúa nos seus usos a recuperación da memoria histórica e homenaxe ás vítimas do franquismo e defende a creación dunha mesa na que participen as institucións e entidades que forman parte dela ademais da Xunta e o Estado. A Deputación da Coruña acolleu esta mañá unha nova xuntanza en que se recoñeceu a todas as persoas e colectivos que contribuíron á recuperación do Pazo.
O día en que se cumpre un ano máis da morte de Francisco Franco, a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás celebrou na Deputación da Coruña organizou unha nova xuntanza na que participaron o presidente Valentín González Formoso e os deputados Xosé Luís Penas e Bernardo Fernández Piñeiro en representación da Deputación da Coruña; o alcalde de Sada, Benito Portela; o concelleiro de Memoria Histórica da Coruña, Jesús Celemín Santos; a escritora, académica e investigadora, Marilar Aleixandre en representación da Real Academia Galega; Carlos Aimerich pola Universidade da Coruña e Xabier Ferreira pola Universidade de Santiago de Compostela e José Manuel Pazos Riveiro e Alexandre López da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso valorou moi positivamente a sentenza que recupera o Pazo como patrimonio público e que, segundo apuntou, "dá razón á sociedade galega e coruñesa e ás organizacións que levan moito tempo traballando para recuperar este espazo que teñen que estar contentas por ese recoñecemento xudicial acadado".
Na súa intervención, González Formosou apuntou que a proposta de usos da Xunta centrada na igualdade e na figura de Pardo Bazán, "pódese acoller mais adoece dunha parte importante que non debería obviarse que é o da recuperación da memoria histórica nun espazo que foi de exaltación do franquismo durante décadas e ten que servir para interpretar os valores democráticos que prevalecen na nosa sociedade".
O deputado de Contratación e Patrimonio, o nacionalista Xosé Luís Penas, quixo nesta primeira xuntanza despois da publicación da sentenza, recoñecer o papel que desenvolveron os directores dos dous informes encargados pola Deputación da Coruña, Xabier Ferreira e Emilio Grandío que se fundamentaron no "magnífico" traballo de Carlos Babío e Manuel Lourenzo. Ademais, lembrou tamén o labor do movemento pola recuperación da memoria histórica e agrupacións sociais e políticas polas accións e iniciativas desenvolvidas ao longo dos anos para a reclamación da propiedade.
"Temos traballo por diante e a sentenza, que consideramos exemplar, ten que abrir camiño para a recuperación doutros elementos do patrimonio como as esculturas de Mestre Mateo ou a Casa Cornide que teñen que ser tamén patrimonio público", apuntou Penas quen esixiu que as visitas guiadas deixen de ser actividades de apoloxía do franquismo nunhas instalacións que teñen que cumprir o papel de centro da recuperación da memoria histórica.
Acordo de medidas
Neste sentido, a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás adoptou unha serie de medidas entre as que se atopa a creación dunha mesa participada por todas as institucións e entidades -as que están na Xunta pro devolución máis a Xunta e o Estado- implicadas no proceso co fin de consensuar os futuros usos tanto do edificio como da finca que o rodea.
Nesa mesa, a Xunta pro Devolución do Pazo anuncia que defenderá que "polo seu carácter simbólico e pola loita que durante décadas se mantivo para chegar a súa recuperación, é imprescindíbel que o Pazo de Meirás contemple a historia do triunfo da mobilización social na defensa da democracia e sexa espazo de homenaxe ás vítimas do franquismo".
Na reunión aprobouse tamén instar ao Estado a que suspenda as visitas de xeito inmediato, co fin de que deixe de ser un destino de peregrinaxe de afíns ao réxime ditatorial e de exaltación do franquismo para o que urxe a eliminar as pezas que exaltan o ditador e modificar os posíbeis itinerarios pola propiedade.
A Xunta pro Devolución agradeceu así mesmo a todas as persoas e colectivos a participación na loita pola recuperación do Pazo de Meiras