Xosé Regueira, "o goberno da Deputación presenta neste exercicio uns orzamentos sociais e comprometidos cos concellos"
O vicepresidente e deputado do BNG, Xosé Regueira, participou no acto de presentación dos novos orzamentos da Deputación e destacou o seu carácter social, en resposta a situación de crise que atravesamos, e tamén o compromiso cos concellos, que verán incrementada na súa totalidade a achega económica da institución. Fixo fincapé na relevancia de que os concellos van coñecer a transferencia que recibirán da Deputación desde este venres 27 de novembro en que se voten en pleno o que lles vai permitir "planificar e dar prioridade ao modelo de gobernanza que teñen que ter para un ano moi especial, o que non acontece con ningún outro orzamento de ningunha adminsitración pública, nin a Xunta nin o Estado", sinalou. Anunciou tamén que, na totalidade dos concellos e sen excepción, a cantidade que chegará aos orzamentos municipais será maior que a do exercizo anterior.
Neste sentido, apuntou que ao sumar os dous expedientes de modificación de crédito, dun orzamento de 184 millóns de euros, un total de 120 van ser de transferencia inmediata aos municipios, "unha aposta moi forte que responde á situación que vivimos cuns concellos que están a padecer a crise provocada pola pandemia". Ao respecto, destacou tamén o incremento de 23 millóns do Plán Único que contribuirá tamén a que a totalidade de concellos da provincia vexan o seu orzamento incrementado con respecto ao pasado ano, con máis recursos para facer fronte a unha situación excepcional.
Con respecto ás contas da Deputación, o vicepresidente destacou a aposta polo "financiamento local, cun incremento das partidas de servizos sociais e igualdade e tamén co coidado das persoas como son a cultura e o deporte e tamén no ámbito do turismo, cun incremento de case o catorce por cento para contribuír a paliar a crise que está a sufrir o sector".