Normalización Lingüística da Deputación da Coruña anima aos concellos a contratar persoal técnico para promoción do galego
Un total de 500.000€ é o orzamento da liña da Deputación da Coruña destinada á creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización municipais que ten aberto o prazo de presentación de solicitudes até o vindeiro día 29 de xaneiro. As entidades municipais poderán acceder a unha subvención máxima de 15.000 €.
O obxectivo do programa é financiar as retribucións de persoal técnico co fin de "promover o uso da nosa lingua desde as entidades municipais, as que máis próximas están á cidadanía e as que poden desenvolver un papel moi importante no proceso de normalización do galego", sinala a deputada da área, María Muíño.
Na anterior edición, máis de corenta concellos recibiron axudas para a contratación de persoal nas áreas para a promoción da nosa lingua o que supón, segundo Muíño, "un impulso importantísimo que contribúe a un proceso que ten que ter o apoio de todas as institucións e do tecido social porque, como estamos a ver, aínda queda moito por facer para que a norsa lingua chegue á normalidade".
Inauguración da mostra de Carvalho Calero na Coruña
A deputada María Muíño informou asimesmo que o vindeiro día 27 inaugurarase na Mariña da Coruña a exposición sobre Carvalho Calero que a Deputación da Coruña inaugurou en Ferrol, a cidade natal do escritor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas do ano 2020.
A mostra está composta por 13 paneis que relatan a traxectoria vital e profesional de Carvalho Calero, facendo especial fincapé no legado que deixou, tamén no ámbito dos estudos, o amor e a difusión da nosa lingua. Poderase visitar até o día 15 de febreiro.
A exposición inaugurouse o pasado mes de decembro cun considerábel atraso debido á covid e inicia agora a itinerancia que a levará despois da Coruña ao concello de Carballo. "A figura Carvalho Calero tivo un ano accidentado para a conmemoración do seu Día das Letras Galegas por iso consideramos que é convinte e oportuno que a mostra continúe en activo en especial cun formato como este pensado para o aire libre e para minimizar os riscos de contaxio da covid", explica María Muíño que defendeu o compromiso da Deputación na difusión da obra do autor.