A mostra "Nós somos Elas" inaugura o paseo marítimo de Malpica como espazo expositivo

María Muíño de Xosé Regueira. BNG
María Muíño de Xosé Regueira. BNG

A mostra, promovida pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e a AC Alexandre Bóveda, recolle unha selección de imaxes do Arquivo Vidal con textos de 24 poetas.

A itinerancia continuará en Ames, Zas, Laxe e San Sadurniño.

A mostra "Nós somos Elas" inaugura o paseo marítimo de Malpica como espazo expositivo

A mostra "Nós somos Elas", da área de Igualdade da Deputación da Coruña e a AC Alexandre Bóveda, inaugurouse no paseo da Praia de Area Maior, no concello de Malpica, un lugar que se converte por vez primeira en espazo expositivo. Na inauguración participaron o vicepresidente e a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e María Muíño xunto co alcalde e a concelleira de Malpica, Walter Pardo Añón e Leticia Naya Varela.

"Nós somos Elas" é a primeira exposición que se instala no Paseo marítimo da Praia da Area Maior,un espazo especialmente transitado no concello de Malpica que acolle a mostra organizada pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e a AC Alexandre Bóveda. Por parte da Deputación da Coruña participaron no acto inaugural o vicepresidente, Xosé Regueira, e a deputada de Igualdade, María Muíño e, por parte do concello o alcalde Walter Pardo Añón e a concelleira de Cultura, Olería, Igualdade e Patrimonio, Leticia Naya Varela ademais doutros membros da corporación. 

A mostra quere poñer o foco nas mulleres, retratadas no seu ámbito privado e laboral polo fotógrafo de Laxe e con voz propia asinando os textos cos que dialogan as imaxes. Mulleres acompañadas dos seus fillos e fillas son os conxuntos máis repetidos nos 24 retratos seleccionados do Arquivo Fotográfico Vidal, concretamente de José Mª Vidal, da colección permanente do Museo de Mar de Laxe.

"Son pezas do pasado e do presente que constrúen un relato diferente, inclusivo, que trae ás mulleres a ocupar o seu lugar na historia, a facelas protagonistas e visibilizalas", sinalou na apertura a deputada, María Muíño que inseriu a mostra na vontade da Deputación da Coruña de destacar a "achega feminina á construción da nosa historia".

Destacou a deputada de Igualdade a vontade de mostrar a imaxe e as voces das mulleres en espazos públicos especialmente transitados nunha mostra itinerante que se inaugurou na Coruña e chega agora a Malpica.

Fotos de Vidal e voces de poetas

O arquivo está composto por máis de 67.000 imaxes, realizadas dende finais do século XIX ata finais do século XX, polos fotógrafos locais José María Vidal -de quen son a totalidade das imaxes da mostra- e o seu pai Plácido Vidal.

Os Vidal foron retratistas da vida cotiá de Laxe e toda a comarca e non houbo acontecemento social que non pasase polas súas cámaras. Festas, procesións, concentracións deportivas, actos relixiosos, personaxes populares, visitantes ilustres, nada escapou ao seu obxectivo.

O mundo rural e mariñeiro recóllese nas súas instantáneas nas que as mulleres ocupan o lugar de protagonistas en fotografías tiradas no ámbito privado e familiar que son a maior parte das seleccionadas en "Nós somos elas".

Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradáns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño son as poetas que participan na mostra, poñendo palabra ás imaxes de José María Vidal.

A mostra "Nós somos Elas" inaugura o paseo marítimo de Malpica como espazo expositivo